Unha gala de sete horas servirá para recoñecer os mellores traballos alleos ás entidades xestoras de dereitos de autor.
A entrega dos oXcar terá lugar este martes á noite na sala Apolo de Barcelona e servirá como un xeito de protestar contra as entidades xestoras de dereitos de autor, como a SGAE. A gala será retransmitida en directo por internet a partir das 20.30 horas.
Partiparán membros do portal de descargas P2P máis importante do mundo, The Pirate Bay, os creadores da Wu Ming Foundation, a Orxata Sound System e o humorista Leo Bassi, entre outros.
Os oXcar preséntanse como os primeiros premios anuais dedicados exclusivamente á cultura libre. Como explica unha representante da organización, Susana Levy, a Vilaweb, haberá premios por categorías: animación, literatura, cinema, artes escénicas, música ou internet. En total, participarán unhas 200 persoas nun acto que se prevé que dure sete horas.
A organización correu a cargo da Exgae, entidade de Barcelona que promove a cultura libre e que informa os artistas para que poidan xestionar os dereitos das súas obras sen teren que llos ceder á SGAE. Na entidade traballan avogados especializados en dereitos de autor e en conflitos relacionados coas descargas P2P ou o canon dixital. De feito, a recadación do acto do martes servirá para pagar os asesores xurídicos.