Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUDIENCIA NACIONAL

O xuíz ordena seguir a causa contra o alcalde que lle chamou "crápula" ao rei

O rexedor de Puerto Real (Cádiz) declarou este luns en calidade de imputado por un delito de inxurias á coroa española.

Redacción - 18:00 27/10/2008

Fernando Grande – Marlaska, en calidade de xuíz da Audiencia Nacional, deu a orde de proseguir a investigación contra o alcalde gaditano de Puerto Real (IU), José Antonio Barroso. Acúsaselle dun delito de inxurias graves á coroa española, logo de chamarlle ao rei "fillo da crápula" e "corrupto", que está penado con entre seis e 24 meses de multa. O maxistrado considera no seu auto que o alcalde "trascendeu o exercicio da liberdade de expresión" e incorreu nunha "desproporción" ao "conxugar a crítica á institución monárquica co debate político". Ademais, engade que "violentou o límite da intanxibilidade inherente á dignidade da monarquía, da persoa que encarna, así como dos fundamentos da orde política e da paz social".

Pola súa banda, o avogado de Barroso anunciou que recorrerán este auto do xuíz solicitando o arquivo da causa e advertiu que "no caso de que a súa petición sexa desestimada" achegarán declaracións de "historiadores e documentos para demostrar" que as palabras do seu cliente "teñen base histórica acreditada". Neste sentido, o propio alcalde manifestou a súa satisfacción pola decisión do xuíz de non arquivar a causa, xa que "iso abrirá o debate republicano", dixo á saída do xulgado.

Que aclare o 23-F
José Antonio Barroso reiterou que "existen unhas fallas democráticas neste sistema, que non permite falar do rei nin dos seus negocios, nin da orixe do seu gran capital". Así, instou ao monarca a "explicar por que a súa é a cuarta fortuna do Estado Español" e "cal foi a súa verdadeira implicación no 23 F". Neste sentido, reiterou as súas críticas á monarquía que considerou "anacrónica e de orixe ditatorial, ademais de innecesaria" e subliñou que "a vida do rei non se corresponde coa vida austera e de adicación plena que se lle supón".

Para a súa declaración perante a Audiencia Nacional, Barroso chegou acompañado do número dous do PCE, Felipe Alcaraz, e por un grupo de simpatizantes que lle amosaron o seu apoio con bandeiras republicanas e carteis alusivos con lemas como "Mandar calar, negocio real" ou "reinan porque amordazan".


5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: