O empresario Bernardo Macambira acabou no cárcere despois de non ter pagado a multa á que o condenara un xulgado.
As leis na defensa dos dereitos de autor parecen ser moito máis duras en Portugal... ou Bernardo Macambira tivo moi mala sorte. O empresario, dono da discoteca Voice, do Porto, pasou 44 días na cadea por ter un CD pirata no seu local.
En principio, a condena imposta a Macambira era de catro meses, aínda que os seus avogados conseguiron sacalo da prisión ao mes e medio de entrar. O empresario defendérase alegando que o disco non era del, senón do picadiscos. Ao final, acabou na cadea por non ter recibido as notificacións do xulgado.
Bernardo Macambira cre que a pena foi inxusta. No ano 2000, unha das inspeccións promovidas pola Sociedade Portuguesa de Autores (SPA) atopou no seu local un CD "pirata", que en realidade era unha copia doutra gravación orixinal que tiña no local.
Seis anos despois, un tribunal portuense ditou unha condena de catro meses de cárcere contra o empresario por non ter comparecido perante a xustiza nin pagado a multa de 1,5 euros durante 290 días que se lle impuxera. Macambira asegurou que non recibira as notificacións porque mudara de casa.