Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAÍDA DO CAPITALISMO

A crise incrementa o interese por Marx

As vendas do Manifesto Comunista aumentaron un 900% entre maio e outubro deste ano.

Redacción - 19:00 21/10/2008

O contexto de crise financeira e os debates sobre o derrube do sistema liberal están a fomentar un maior interese na figura de Karl Marx. Así o demostran as estatísticas, que falan do crecemento da popularidade do filósofo e depáranos datos como as 40 mil visitas que este ano se realizaron xa á cidade alemá de Tréveris, onde naceu en 1818, e onde hoxe está situado o museo adicado á súa traxectoria. Pero aínda hai máis: a editorial inglesa Penguin confirmou o aumento dun 900% nas ventas da máis clásica das súas obras, O Manifesto Comunista, dende maio até outubro. Ademais, a dirección do cemiterio de Highgate (Londres), onde está enterrado o pensador, informa dun aumento de visitas e de peticións de información de cadeas e xornalistas de todo o mundo.

A súa análise crítica do sistema capitalista de 1867, O Capital, é outro dos libros que aumentou as súas vendas. Dende a feira do libro de Fráncfort que ven de celebrarse en Alemaña, o editor especializado en literatura comunista Jorn Schütrumpf asegura que os lectores son fundamentalmente mozos, unha xeración académica que se cuestiona a realidade ante a crise do sistema. Así, explica que o actual colapso bancario fai que moitos pensen na relectura de Marx, quen xa advertía da creación dun capitalismo explotador que remataría por destruírse a si mesmo. Schütrumpf reflexiona sobre este retorno aos inicios do marxismo e asegura que "unha sociedade que sente novamente a necesidade de ler a Karl Marx é unha sociedade que non se sente ben".


Ligazóns

4,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: