Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria histórica

'O Foucellas': "Unha boa persoa que se botou ao bravo"

O 22 de outubro de 1908, hai exactamente 100 anos, nacía nas Foucellas (Mesía) o máis lendario dos guerrilleiros antifranquistas. Falamos con dúas persoas que o coñeceron.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotos: Isabel G. Couso - 08:00 22/10/2008
Benigno Andrade, 'O Foucellas'

Benigno Andrade, 'O Foucellas'

"Daquelas estaba nunha serraría aí en Curtis, e tivo que escapar como agora escapan os da ETA. Non lle quitaba iso que fose boa persoa; era boa persoa". O que fala é Manuel, veciño das Foucellas, aldea da parroquia de Cabrui (Mesía); e veciño tamén do Foucellas, porque Benigno Andrade García, o máis famoso guerrilleiro antifranquista do noso país, foi e será sempre recordado polo alcume que tomou da aldea onde naceu o 22 de outubro de 1908, hai esta cuarta feira 100 anos.

Manuel, de 82 anos, fala del coas lembranzas dun cativo que vía no Foucellas un home nobre, solidario -"se había que segar ou sachar, el andaba sempre por aquí cos veciños"- e inxustamente perseguido, que "cando os do Movimiento o quixeron coller, dixeron que puxera unha bomba no tren correo que baixaba de Madrid, entre Curtis e Teixeiro". "Aquelo foi o que o botou ao monte. Tardou despois bastante tempo en deixarse ver, case un ano; pero estaba aí", comenta.

Era na casa natal onde se agochaba O Foucellas, "sempre con moito ollo", comenta Manuel. "Eu era rapaz e ía coas ovellas por alá arriba, e a muller del víñame dicir: Ai, Manoliño se foses alí á casa da Lesta e lle dixeses ao Foucellas que escapase que pola tarde van cachear a casa". E mentres a Garda Civil, ao mando "dun tal Castelao, que dicían que era malo malo", escachaba con todo, O Foucellas subíase a un alto e "miraba como eles traballaban", ri o Manuel mentres o conta.

Ponse máis serio cando se lle pregunta pola familia: "Ao irmán rebentárono vivo a paus, a Garda Civil. Unha irmá, chamábanlle Consuelo (da que se di que era a que conseguía información para axudar ao Foucellas), era a que limpaba o cuartel da Garda Civil, pasounas putas de todo; e a nai, a pobre, tiña que vir por aquí pedir para comer, porque non tiñan nada, eran pobriños de todo".

"Eu moito non o vin. Vino dabondo"

Outro dos que coñeceu O Foucellas foi Pepe, O ferreiro de Barbeito. Mais en diferente momento, en distinto lugar e nunhas circunstancias nas que 15 anos de vida -e morte- guerrilleira polos montes pesaban como unha lousa. "Eu moito non o vin. Vino dabondo", sorrí o Pepe recordando o seu encontro na Costa da Regueira (Oza dos Ríos) co home que o réxime fascista convertera nun criminal sen escrúpulos, atribuíndolle mesmo delitos que se cometeran ao mesmo tempo en sitios distintos.

O Foucellas
e mais un compañeiro acusaban O ferreiro de ir falar deles a Cesures. "De vostedes non falei; nin a Cesures fun!", díxolles. "Vostede falou e pense ben. Poñerse tranquilo verá como vostede falou de nós", retrucáronlle os dous fuxidos. O episodio sucedeu na casa da que logo sería a sogra do Pepe. Este asegura que non tivo medo porque "todo o que me fixesen era inxusto", e confesa que aínda que non directamente, algo si preguntara pola vixilancia da Garda Civil.

"Se non é por unha persoa que dicía que se podía facer unha morte á miña presenza, xa me tiñan morto", disque lle dixeron os foucellas, nome que a sona de Benigno Andrade deu en designar a todos os membros da resistencia antifranquista do país.

Pepe, o ferreiro conta tamén como a noite que capturaran O Foucellas, o 9 de marzo de 1952, día de feira en Curtis, viran baixar cara á cova en que se agochaba moitos homes con gabardinas -gardas civís, ao cabo. Houbo un gran tiroteo. A Benigno Andrade disparáronlle nunha perna. Amante da xolda, estábase a asear para ir a unha casa na que houbera voda. Mais alguén -ninguén sabe aínda dicir quen- delatárao.

"Falouse despois de que a xente por alá por onde el era, máis alá de Curtis, dicía que era -salienta paseniñamente Pepe o ferreiro- boa persoa". "Pero -reflexiona- non sei como foi co asunto da Guerra ou da leche que foi cando se botou ao bravo".


Con motivo do centenario do nacemento do Foucellas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asociación Cultural Obradoiro da Historia, de Ordes, e a Asociación Cultural Eira Vella, de Betanzos, organizan diversos actos para lembrar os miles de heroes anónimos da Resistencia antifascista, mortos, torturados, desterrados, encadeados e perseguidos por defenderen a legalidade democrática. En todos os actos haberá unha homenaxe para as súa familias, lectura de poemas, presenza de vellos guerrilleiros, intervencións de historiadores e actuacións musicais. Ademais, en novembro proxectaranse en Betanzos filmes sobre a guerrilla antifranquista galega.


Ligazóns

4,63/5 (30 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Casa natal do Foucellas / Foto: Isabel G.Couso
Casa natal do Foucellas / Foto: Isabel G.Couso
A Coordenadora Galega de Roteiros colocou unha placa na casa natal do Foucellas en 2006 / Foto: I.G.Couso (clique para ampliar)
A Coordenadora Galega de Roteiros colocou unha placa na casa natal do Foucellas en 2006 / Foto: I.G.Couso (clique para ampliar)
Manuel, veciño de Benigno Andrade na aldea das Foucellas / Foto: I.G.C
Manuel, veciño de Benigno Andrade na aldea das Foucellas / Foto: I.G.C
Pepe 'o ferreiro' tamén foi "veciño" do Foucellas
Pepe 'o ferreiro' tamén foi "veciño" do Foucellas
Están previstos diversos actos para conmemorar o centenario do Foucellas
Están previstos diversos actos para conmemorar o centenario do Foucellas
Un roteiro percorrerá este sábado algúns dos lugares clave na vida do Foucellas (clique para ampliar)
Un roteiro percorrerá este sábado algúns dos lugares clave na vida do Foucellas (clique para ampliar)