O proxecto é unha inciativa do Comité Cidadán e da Concellaría de Cultura da cidade.
Dez artistas locais noutras tantas prazas: María Manuela (no Centro Cívico de Caranza), Carmen Martín (Praza de Ultramar), Novás (Praza do inferniño), Miguel-Anxo Varela (Praza do Himno Galego), Suso Basterrechea (Praza de España), Eduardo Hermida (Praza de Canido), Nadales (Praza do Concello), Ladislau da Regueira (Praza da Constitución), Spela Trobec, (Praza de Amboaxe) e Leandro (Praza Vella). O sábado 25 a partir das 11:30 horas comezarán a pintar obras en directo e en público, cun obxectivo común: chamar a atención da cidadanía sobre a importancia de defender a Ría de Ferrol, ameazada pola posta en marcha da planta regasificadora de Reganosa, en Mugardos.
"Son tempos difíciles, pero non podemos amolarnos (...) nós somos a xente, o pobo, a cidadanía e imos reaxir. Axuda tamén, un pouco de alegría e reflexión para os sentidos e para o espírito; iso é a arte, esa grande creación humana", pódese ler nos trípticos que presentan o proxecto, iniciativa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol apoiado pola Concellaría de Cultura da cidade.
As pinturas ficarán expostas durante toda unha semana nas prazas, até que o 1 de novembro se poñan en conxunto nunha exposición colectiva no Cantón, onde se celebrará un Magosto popular con castañas, viño e música.