A Consellaría aclara que a lexislación non contempla ningunha indemnización por abrir o recinto ao público.
Logo de que se coñecese a pretensión da familia Franco de percibir unha compensación por abrir ao público o Pazo de Meirás, a reacción da Consellaría de Cultura non se fixo agardar. Ánxela Bugallo recordou que a Lei de Patrimonio de Galiza recolle a obriga dos propietarios de Bens de Interese Cultural (BIC) de abrilos ao público catro días ao mes. Porén, a lexislación non contempla ningunha indemnización en contraprestación. Con todo, a conselleira considerou esta demanda "fora de lugar" e lembrou que "é coñecido o proceso polo que o ditador Francisco Franco e maila súa familia se converteron en propietarios deste inmoble, a partir de doazóns".
Sen resolución até o momento
O proceso de declaración de BIC para o Pazo de Meirás, aberto o pasado 1 de agosto, aínda está en marcha, segundo asegurou a propia conselleira. Os servizos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural teñen que estudar máis dun cento de alegacións de afectados, entre elas a formulada polos Franco. A previsión é que os procedementos legais rematen a finais deste 2008.
A declaración de BIC obrigará aos propietarios do Pazo de Meirás a coidar e preservar o inmoble, así como a contar coa supervisión e a aprobación de Patrimonio para realizar calquera obra, e a abrilo ao público catro días no mes.