Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta aproba o anteproxecto de orzamentos

As contas "anticrise": 11.793 millóns a gastar para medrar un 1,3% en 2009

Cun incremento do 4,2% respecto ao exercicio previo, a Xunta deulle adiante ao anteproxecto. Bota man do déficit, até o máximo do 1% do PIB que permite a Lei de Estabilidade.

Redacción - 15:00 16/10/2008



O incremento do gasto social (un 59% do total, dous puntos máis ca o ano anterior) respecto do gasto produtivo (41%) foi un dos eixos destacados polo presidente da Xunta durante a presentación este xoves do anteproxecto de orzamentos para 2009, documento aprobado polo Consello de Goberno que agora vai ao Parlamento, onde a próxima semana comezará o debate ao respecto.

O Executivo prognostica que as contas deseñadas axudarán a que o crecemento do PIB galego en 2009 acade o 1,3%, manténdose tres décimas por riba da previsión estatal. Do mesmo xeito, fronte ao agoiro de redución de número de ocupados no contorno estatal, a Xunta tamén proxecta rabuñar chanzos na converxencia. Neste sentido, as medidas extraordinarias para o fomento do emprego foron un dos eixos destacados, subliñándose que os cartos destinados ao desenvolvemento de políticas de emprego aumentan un 11,3%. Entre elas estarán as subvencións a empresas para a contratación indefinida, unha das ideas xa anunciadas no recente debate sobre o estado da nación. A liña de avais e iniciativas para mellora do financiamento empresarial é tamén salientada polo Goberno, que incrementa nun 8,6% os cartos no apartado de apoio á actividade empresarial.

Transporte público e atención á dependencia
No apartado de gasto social, a Xunta destaca os 570 millóns que se fixan para servizos sociais e dependencia, un 10,7% máis ca nos orzamentos anteriores. De xeito concreto, a atención á dependencia gozará dun 33% máis de recursos, e espérase que 34 mil persoas poidan aproveitar o ano que vén as axudas en centros de día, residencias e no propio contorno familiar.

Mentres, o investimento en transporte público recibe unha inxección do 8,6%, acumulando un dos máis significativos incrementos das contas, 160,9%, respecto ás cifras de hai catro anos. Gastos que irán parar ao desenvolvemento do Plan de transporte público, a través do sistema tarifario integrado; redución de tarifas e transbordo gratuíto con tarxeta de transporte metropolitano, entre outros.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: