Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O FUTURO DO EMPREGO

A crise pon en xaque o sector da automoción, que emprega 20 mil persoas no país

As empresas de compoñentes comezan a presentar expedientes de regulación. "Aquí os sindicatos non estamos mortos, e estamos moi cabreados", advirten os traballadores.

A.Rodríguez - 09:40 16/10/2008
Automóbiles aparcados no porto de Bouzas, en Vigo / Flickr: elentir

Automóbiles aparcados no porto de Bouzas, en Vigo / Flickr: elentir

A comezos deste mes a empresa fabricante de asentos para automóbiles de Citroën, Faurecia, presentaba un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para máis de cincocentos traballadores da súa planta de Vigo. A semana seguinte o Grupo Antolín (onde traballan unhas 110 persoas fixas, e 19 eventuais) tamén presentaba un ERE, e, ao parecer, é inminente que unha terceira empresa, Viza, unha das poucas auxiliares grandes de capital integramente galego, con sede no Porriño, regule tamén o seu cadro de traballadores, formado por unhas 450 persoas.

Así están as cousas no sector da automoción en Galiza, onde hoxe en día traballan unhas 20 mil persoas e onde existe unha taxa de eventualidade elevada, que rolda o 40 por cento. Se as multinacionais do automóbil (Citroën, Opel, Renault, Seat ou Nissan) para as que traballan estas empresas están a notar a crise -cada vez venden menos-, era cuestión de tempo que as empresas que fabrican os seus compoñentes a notasen tamén. De feito, en Citroën prevén parar dous días á semana este mes (debido á bolsa de horas que inclúe o seu convenio), e, se para a empresa á que van dirixidos os compoñentes, tamén para a produción destas empresas, que están dimensionadas conforme o que lles pide a multinacional.

"A cousa é grave, e estamos fartos de manter unha actitude pasiva", contoulle a Vieiros Francisco Miranda Vigo, acabado de elixir voceiro da coordinadora sindical para a automoción da Federación de Químicas da CIG, creada esta cuarta feira de mañá, nunha xuntanza formada por 60 delegados e delegadas de 14 empresas deste sector que operan no noso país.

Esta coordinadora nace para levar adiante unhas 10 propostas para a revitalización do sector, que antepoñen ás que o Clúster da Automoción lle presentou a pasada semana ao Goberno.

"Se se continúa así, imos tocar no óso"
Nun sector no que se prevé un aumento do paro considerábel, esta coordinadora aposta por implicar o Clúster do Automóbil e o Goberno (a través da Consellaría de Industria) para que os esforzos se dirixan a investigar, e producir aquí o que se está mercando de fóra: "Neste sector temos unha capacidade creativa impresionante para facer nós os compoñentes, facelos baratos e facelos ben, creando produtos xenuinamente galegos, para o que habería que aumentar o investimento en I+D+i", dixo Miranda, salientando que, para que isto vaia adiante, precisaríase contar coa vontade dos empresarios e co apoio económico da Xunta (a través da apertura da liñas de crédito para revitalizar as empresas en situación precaria).

Ademais, esta coordinadora tamén rexeita os ERE, e aposta polo mantemento do emprego indefinido, así como a creación dunha bolsa de traballadores do sector, "unha especie de instituto de formación ocupacional no que os operarios se poidan reciclar, aprendendo novas técnicas para cando chegue o momento, se poidan reincorporar ao traballo, levando consigo unha bagaxe formativa importante". Ademais disto apostan pola creación dunha mesa de diálogo entre as empresas auxiliares e as principais, a regularización da xornada laboral, común a todo o sector e plans de rexuvenecemento do cadro de persoal, que pasarían por prexubilar aos 55 anos aos traballadores, garantindo o cento por cento do seu soldo.

Para Miranda é o momento de actuar, que se vexa que neste sector os sindicatos "non estamos mortos e estamos moi cabreados" ante a situación que se está a vivir, que, de continuar así, "ha tocar o óso", dixo, referíndose á posibilidade de que máis de un milleiro de traballadores eventuais poidan ser despedidos, aos que se unirían un milleiro máis, de levarse adiante os ERE que hai presentados.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os traballadores de Faurecia, manifestándose contra o Expediente de Regulación de Emprego / Imaxe: CIG
Os traballadores de Faurecia, manifestándose contra o Expediente de Regulación de Emprego / Imaxe: CIG
Os traballadores do Grupo Antolín, manifestándose contra o ERE
Os traballadores do Grupo Antolín, manifestándose contra o ERE
A xuntanza na que se formou a coordinadora sindical para a automoción da Federación de Químicas da CIG
A xuntanza na que se formou a coordinadora sindical para a automoción da Federación de Químicas da CIG
Á dereita, Fernando Miranda Vigo, voceiro desta coordinadora, membro da Executiva Confederal da CIG e presidente do Comité de Empresa de Copo Ibérica
Á dereita, Fernando Miranda Vigo, voceiro desta coordinadora, membro da Executiva Confederal da CIG e presidente do Comité de Empresa de Copo Ibérica
Fileiras de automóbiles, colocadas no porto de Vigo / Flickr: Alejandro Arce
Fileiras de automóbiles, colocadas no porto de Vigo / Flickr: Alejandro Arce