Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Non debera haber máis encoros

Touriño admite que a sobreexplotación dos ríos recomenda unha "blindaxe"

O Goberno reclamaralle a Madrid a xestión da bacía Miño-Sil, malia que non se aclara se presionará para o freo das concesións hidroeléctricas en proceso.

Redacción - 15:00 14/10/2008

"O Goberno que presido non vai utilizar nin permitir en ningún caso, baixo ningún concepto, ningunha instalación nova en bacía hidráulica de Galiza", asegurou este martes o presidente da Xunta. "Non imos permitir ningunha instalación, ningunha sobreexplotación", engadiu Emilio Pérez Touriño.

O pronunciamento do presidente chega un día despois de que se coñecese a resposta do Ministerio de Medio Ambiente a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, onde se recoñecía oficialmente a existencia de catorce concesións hidroeléctricas en trámite para os ríos Miño e Sil que en total suman máis de 1.500 megavatios.

Solicitude de competencias
Ao fío, Pérez Touriño avanzou que a Xunta vaille pedir ao goberno español a "encomenda de xestión" da bacía hidrográfica Miño-Sil. "Galiza necesita, demanda e aspira á encomenda de xestión integral da bacía hidrográfica porque entendemos que é necesario unificar criterios", afirmou Touriño. A encomenda é un mecanismo para axilizar o trámite para que o goberno español transfira a Galiza a administración desta bacía, competencia que se integraría á beira das que xa permiten a xestión que a Xunta fai do espazo hidrográfico costeiro.

No mesmo sentido, Touriño dixo considerar que o Goberno xa tomou "as medidas necesarias" para garantir "a blindaxe e protección" destes recursos. Referiuse ao respecto ao Plan Director de Ordenación dos Recursos Naturais e do Medio Físico da Rede Natura 2000 ou o inicio da declaración do Canón do Sil como paisaxe protexida no Consello Galego de Medio Ambiente.

Unhas declaracións que en todo caso, contrastan coa propia posición do Ministerio de Medio Ambiente, que en resposta ao senador nacionalista xustificaba a teima en autorizar un dos proxectos máis polémicos, o salto de Santa Cristina en Ribas de Sil, na inexistencia dun plan de xestión do Lugar de Interese Comunitario. Un plan que lle correspondía redactar á Consellaría de Medio Ambiente e do que Pérez Bouza subliña a "urxencia" de que sexa elaborado.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: