O G7 anuncia accións para frear a crise financeira mundial e evitar a caída do sistema, mais non especifica cales.
As bolsas europeas pecharon a semana cos niveis máis baixos da súa historia, a pesar das medidas adoptadas contra a crise polos principais bancos centrais e gobernos do mundo occidental. De todas elas, liderou as baixadas o mercado de Madrid, que sufriu a baixada récord do 9,14%, que deixou o Ibex 35 en niveis de 2005, por debaixo dos 9 mil puntos.
O resto das bolsas europeas afudíronse entre un 8 e un 7 por cento por mor do pánico, sen que os bancos centrais puidesen neutralizar a súa ansiedade con inxeccións de liquidez e coas baixadas dos tipos de xuro. Londres caeu arredor do 8%, París un 7,7, Fráncfort un 7 e Milán un 6,5%, mentres Nova York caía un 4%.
A situación de pánico bursátil provocou un chamamento á calma do presidente estadounidense, George Bush, que asegurou que se tomaron medidas para estabilizar o sistema financeiro. Os xefes de finanzas do G7 prometeron tamén tomar medidas "decisivas" e traballar xuntos para frear a escalada da crise financeira global agoirada polo FMI.
O grupo dos sete países máis industrializados indicou que a situación require dunha "acción urxente e excepcional" e prometeu dar os pasos necesarios para desconxelar os mercados monetarios, aínda que non deu detalles sobre a súa natureza. O G7 tamén anunciou que se usarán todos os medios dispoñíbeis para previr que institucións importantes do sistema caian, e asegurar que os bancos poidan conseguir capital de fontes públicas ou privadas.