O recorte deixa o prezo dos cartos na eurozona no 3,75% e nos Estados Unidos nun 1,5%. Os bancos centrais de Xapón, Reino Unido e Suecia únense á medida.
Especulábase desde hai días coa posibilidade da rebaixa nos tipos de xuro, despois dunhas recentes declaracións do presidente do
Banco Central Europeo (BCE), Jean-Claude Trichet, onde non descartaba tomar esa decisión, malia que a enmarcaba no medio prazo.
Así, o BCE introduce unha significativa viraxe na estratexia que levara os tipos á taxa máis alta en sete anos, xustificando a renuncia a recortes no temor a estimular un incremento dos prezos. Agora, o BCE recorta medio punto, deixando o prezo dos cartos nun 3,75%. A institución xustifica a decisión na desaceleración económica dos últimos meses e as "turbulencias" do mercado financeiro, recoñecendo as dificultades de fogares e empresas para obteren crédito.