O equipo galego vai procurar o triunfo tamén con Mosquera e David Herrero, que foi oitavo na primeira etapa da rolda mexicana.
O ciclista do Xacobeo Galicia Carlos Castaño, ocupa o sexto posto na clasificación xeral da 'Volta a Chihuahua', posición que conseguiu ao concluír tamén de sexto na segunda etapa da rolda mexicana, disputada entre Parral e Guachochi, sobre 188,7 quilómetros e un perfil moi esixente, que abriu grandes diferenzas na xeral.
O colombiano Gregorio Ladino (Tecos-Trek) gañou a etapa e é o novo líder da proba. Ezequiel Mosquera chegou no grupo perseguidor, a 2.00 do vencedor. O ciclista de Teo mantivérase nunha fuga de 14 unidades durante uns trinta quilómetros.
A clasificación na rolda mexicana
A vitoria de etapa na cidade de Guachochi deulle o liderado a Gregorio Ladino, aínda que o español Francisco Mancebo situouse nunha excelente segunda posición, a 8 segundos do veterano escalador colombiano, e postúlase como claro aspirante a revalidar o título conquistado o ano pasado co desaparecido equipo Relax, esta vez nas filas do conxunto portugués Fercasa. A terceira posición é para o mexicano Magallanes (Tecos-Trek), a 22 segundos, e a quinta ocúpaa outro español, Gómez Marchante (Scott), a 24 segundos.
Todos os corredores clasificados do posto 32 en diante deberán loitar polas vitorias de etapa nas cinco xornadas restantes porque o atraso acumulado impídelles atopar un bo lugar na clasificación xeral. O Xacobeo Galicia buscará o podio con Carlos Castaño e Ezequiel Mosquera, e un triunfo de etapa con estes mesmos corredores e os outros cinco restantes, en especial con David Herrero, quen foi oitavo na primeira etapa desta volta.