A súa aplicación suporá un retroceso cualitativo nos dereitos e, polo tanto, na calidade de vida, consideran os e as participantes nunha enquisa.
Un 77,3% dos galegos e galegas rexeita a Directiva de Traballo aprobada polo Consello de Emprego da UE, que permitirá incrementar até un máximo de 65 horas a xornada laboral semanal, segundo os datos obtidos por unha enquisa elaborada polo Movementos polos Dereitos Civís (MpDC). Este resultado tírase do segundo bloque do texto, titulado A situación dos Dereitos Civís en Galiza.
Os resultados demostran o desacordo que provoca a medida entre a sociedade galega, xa que ha supor un retroceso cualitativo nos dereitos dos traballadores e, polo tanto, na calidade de vida. Deste 77,3% dos enquisados que rexeitan a directiva das 65 horas semanais, un 30,2% valóraa negativamente, e un 47,1% considéraa "moi negativa". Do milleiro de persoas entrevistadas no pasado mes de setembro, tan só o 13,9% considera positiva esta norma.
Os promotores desta iniciativa, do MpDC, animan a toda a cidadanía galega a participar nas mobilizacións convocadas, para esta terza feira, en todo o país, "para evitar que se continúe avanzando na recesión dos dereitos dos traballadores e traballadoras".