Despois de comezar o campionato con bo pé, os coruñeses procuran subir do terceiro posto que ocupan na táboa. Mentres, o Vigo Stick segue axuda económica para ascender.
Os liceístas están situados, polo de agora, de terceiros na clasificación xeral da OK Liga, a primeira a nivel estatal, e esta terza feira xogan un partido na casa fronte o Vilanova, o 12º clasificado. Será o segundo partido na casa dende que comezou a liga, e en xogo están os puntos da terceira xornada do campionato, aprazada no seu día debido a que os coruñeses estaban disputando o Mundial de Clubes en Reus.
O posto que ostentan na clasificación e o factor cancha sitúan os liceístas como claros favoritos, pero o Vilanova non llo vai poñer doado. Ademais, aínda pesa o cansazo dun intenso mes de setembro co Torneo Internacional de Vigo, o comezo da tempada e o Mundial de Clubes. Agora queda centrarse na liga e non perder puntos en Riazor. Os coruñeses veñen de gañarlle a domicilio ao Mataró. Na primeira xornada da OK Liga empataron na casa contra o Igualada, na seguinte gañáronlle ao Shum Maçanet.
O Vigo Stick subsiste
Nunha situación ben complicada, o clube vigués mantense, ademais como un dos favoritos de 1º División para loitar polo ascenso á OK Liga, xunto clubes como o Cerdanyola ou o Areces Elecinco.
A pasada fin de semana xogaba o torneo organizado polo Juventud de Viana, quedando terceiro na clasificación, transmitíndolle aos seus afeccionados unhas sensacións moi positivas en canto ao estado de forma dos xogadores. A súa calidade reflíctese no seu xogo, mais a súa continuidade non está de todo asegurada. Parece que a súa xunta directiva aínda anda procurando apoios para garantir a viabilidade da entidade de cara ao futuro do equipo nunha 1º División que podería quedarlles pequena a nivel deportivo.