Porén, si pactaron rescatar os bancos das actuais "turbulencias financeiras". Todo isto na cimeira dos G8 de Europa: Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.
O presidente fracés, Sarkozy, falando coa chanceler alemá, Angela Merkel durante a xuntanza / Imaxe: Le Monde
A frase pronunciada pola chanceler alemá Angela Merkel resume á perfección o acordado na xuntanza que mantiveron os Estados europeos do G8 este sábado en París: "cada país debe asumir responsabilidades a escala nacional", ou ben, que cada un terme do seu, porque non hai trazas de elaborar un plano común, tipo Plan Bush, como propuxo o director do FMI.
A pesar de non chegar ao acordo que se prevía, entre todos, os líderes dos gobernos francés, británico, alemán e italiano si se comprometeron a rescatar os bancos en risco, como aconteceu xa esta semana con cinco entidades. Tamén se comprometeron a actuar de xeito coordinado, "garantindo a solidez e a estabilidade" dos sistemas bancarios e financeiros e "tomar as medidas precisas para acadar este obxectivo". A conclusión á que chegaron os mandatarios do G8 europeo é que "diñeiro non ha faltar" pero que cada goberno ha ter que traballar "ao seu xeito", aínda que de forma coordinada.
Sarkozy busca novos puntos de encontro
Polo seu lado, o anfitrión nesta xuntanza, o presidente francés Nicolas Sarkozy, non conseguiu "refundar o capitalismo", só algunhas medidas de reparación de urxencia no sistema bancario. Porén, si chegou a fixar outra data para xuntarse, o que debería desembocar nunha xuntanza do chamado G14, un grupo que inclúe a China, India e Brasil, entre outros grandes países, para redactar un novo pacto que regule o sistema financeiro mundial. A vindeira segunda feira xúntase en Nova York os ministros de economía do G7; na terza, o Ecofin; e a mediados deste mes de outubro desenvolverase unha reunión do Consello Europeo en Bruxelas.
Para ampliar información: