As galegas dobregaron un equipo que tiña ben demostrado o seu potencial. O noso equipo nacional de futsal está a facer historia en Reus.
A este equipo non hai quen o pare. Nunha progresión imparábel, as galegas debutaron perdendo pola mínima ante Rusia, gañando ante Ucraína e agora, en cuartos, vencendo a unha selección máis que sólida, Arxentina, que xa lle tiña gañado a Bélxica por 1-8 e a Venezuela por 2-6.
O debut da primeira selección galega que xoga nunha competición oficial de tal importancia, o I Mundial Feminino de Fútbol Sala, non puido ser mellor. Dous partidos gañados de tres e unha entrada directa en semifinais cun contundente 8-1 que deixou as arxentinas polo chan.
"Galiza foi moi superior"
Segundo lle contou a Vieiros Juan Probaos, delegado da Federación Galega de Fútbol Sala en Reus, as galegas foron sempre "moi superiores", saíron á pista "moi mentalizadas" e xogaron "moi ben". Catro goles caeron na primeira metade, por ningún de Arxentina. O 1-0 foi de Claudia, o 2-0 de Begoña, o 3-0 de Sonia e o 4-0 de Carmen. Na segunda parte aínda chegaron outros catro tantos: o 5-0 de Iria, o 6-1 de Claudia, que repetía, o 7-1 de Silvia, a porteira, e o 8-1 de Nanita, a máis nova.
As irmandiñas enfrontaranse nestas semifinais á selección de Colombia, que na tarde da sexta feira venceu ao Paraguai por 5 goles a 1. Colombia chegou a esta fase empatando coa República Checa (1-1) e gañándolle a Cataluña (1-2).
A outra semifinal
A outra semifinal deste I Mundial de Fútbol Sala Feminino protagonizarana Cataluña e Rusia. As anfitrioas chegaron a esta fase gañándolle á República Checa (4-0) e perdendo contra Colombia pola mínima (1-2). Na sexta venceron a unha das seleccións favoritas, a australiana.
Os afeccionados galegos agardan poder ver o Cataluña-Galiza que podería producirse. Mais, aínda que isto non pase, as irmandiñas xa fixeron historia. Saberemos quen xoga a final este sábado, á noitiña.