Esta sexta feira comeza un ciclo de charlas no que se debaterá sobre os movementos sociais na comarca: do rexeite á central nuclear de Xove á resposta obreira ao Casón.
Referentes para a mocidade: movementos sociais e loitas populares na Mariña, este é o título do ciclo de conferencias que se desenvolverán, esta sexta feira e máis o sábado en Burela, organizadas pola Comissom Juvenil da vila.
Na sexta, ás 20:30 horas no salón de conferencias da Casa da Cultura burelá, Francisco Luis R. Guerreiro, da Asociación Cultural Sementeira, falará sobre a resposta cidadá á construción de central nuclear que a finais dos 70 se proxectaba para a vila de Xove. A conferencia leva o título 'Xove, nuclear non!', un dos berros que máis se oíron nas mobilizacións da época na bisbarra da Mariña. Máis tarde, intervirá Antón Casal, membro do Comité de Empresa da Alúmina-Aluminio (hoxe Alcoa) en 1987, cando chegou á fábrica a velenosa carga do buque O Casón (que se incendiara en Fisterra), quen explicará o movemento obreiro de oposición que se organizou no lugar, e que terminou co despedimento de todos os implicados.
Un cuarto de século de asociacionismo en Burela
O día a seguir, o sábado 4 de outubro, ás 19:30 horas ex membros do Colectivo Buril, coma Bernardo Penabade, Inma Orol, Xosé Manuel Nebril ou Emilio González Legazpi, falarán dos 25 anos do asociacionismo en Burela, os mesmos que cumpre agora a súa asociación. Á noite haberá unha cea en homenaxe a este colectivo.