Son o acabado de crear Burela Fútbol Sala, o Viaxes Amarelle da Coruña e o Concello de Poio-Promociones Collazo. Os tres comezan esta fin de semana a liga.
Este ano haberá tres equipos galegos na nova División de Prata do Fútbol Sala Feminino, unha competición creada este ano pola Liga Estatal deste deporte como segunda categoría feminina, para acurtar a longa distancia que separaba a División de Honra dos distintos grupos rexionais. Son o Burela Fútbol Sala Feminino Pescados Rubén, o Viaxes Amarelle da Coruña e o anteriormente coñecido como Ateneo Combarro FS, de Poio.
Os tres clubes poderán competir libremente, sen o medo que sempre pesa ante o descenso, xa que nesta nova categoría aínda non se contempla a loita pola permanencia.
Os dous primeiros clubes, o Burela FS e o Viaxes Amarelle, terán que se enfrontar, dende esta fin de semana e até mediados do mes de maio, a 12 clubes de Navarra, Euskadi, A Rioxa, Asturias e Cantabria. O equipo de Poio xoga no grupo 2, o que o vai obrigar a facer viaxes máis longas.
Os tres equipos únense aos dous galegos que xa participan na máxima categoría do futsal estatal, a División de Honra: o Ponte Ourense e o Valdetires Ferrol.
Burela FS Feminino Pescados Rubén
As burelás comezan a liga esta fin de semana, o sábado 4, xogando na casa contra o Viajes Bidasoa, de Vitoria. O equipo foi creado hai nada pola directiva do Burela FS, e presentouse de xeito oficial no Pavillón de Vista Alegre, na vila mariñá, cun partido, precisamente ante o Viaxes Amarelle, que gañaron as locais por 4-3.
Viaxes Amarelle
O equipo feminino coruñés debutará na nova liga, tras ascender da división Autonómica e absorber ao mítico clube Sal Lence, equipo que entre 1992 e 1999 escribiu o nome do futsal galego na historia deste deporte, ao gañar, tres veces, a liga na División de Honra, e dúas a Copa. Porén, o novo equipo enfróntase a unha nova etapa, cun cadro de xogadores cunha media de idade ben pequena, se cadra a menor da liga.
O equipo coruñés comeza a liga tamén este sábado, nun dos seus desprazamentos máis longos da tempada, contra o Calceatense da Rioxa.
O Ateneo Combarro FS
Este é o clube de Poio que conseguiu, este ano, o ascenso á División de Prata tras terminar terceiro na Liga Galega. Non xoga no mesmo grupo que as burelás e as coruñesas (xoga no grupo 2) e o seu potencial é alto (tamén foron campioas da Copa Galiza), Mais este ano hanse ter que preparar para unha tempada que se presenta dura no terreo deportivo, no económico, e tamén para o corpo, xa que terán que desprazarse a xogar por todo o Estado, incluídas as Illas Canarias. O equipo xogará na liga estatal baixo o nome de Concello de Poio-Promociones Collazo.