A obra de Teatro Cachuzo estréase o venres 3 no Salón Teatro de Compostela.
Carlos Losada: "Cando á xente non lle gusta unha obra, xa di: 'non me gusta o teatro', pero hai moitos tipos de teatro"
Game Over obtivo en 2007 o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. O xurado destacou no seu momento o seu "bo ritmo, as súas boas posibilidades escénicas e a frescura da súa linguaxe". Carlos Losada, o seu autor, comenta que a obra comezou sendo "moi nomal", para ir despois collendo matices, moitos deles incorporados polos propios actores de Cachuzo Teatro, e mudando ao cabo nunha "obra surrealista para nenos".
O xurado do certame tamén destacara que o texto era "doado de seguir para a mocidade", pola súa temática e linguaxe, aínda que Game Over está aberto a moitos niveis de lectura. Nunha entrevista en Vieiros Carlos Losada afirmaba que a principal diferenza que atopaba entre escribir para nenos e para adultos "é que cando escribo para nenos sei perfectamente onde vou, o que quero contar e onde vou chegar, e cando escribo para adultos, non". Así e todo, Carlos Losada aclarou na presentación que "Rubén Ruibal di que esta é unha obra para nenos, e el é un premio nacional, así que el saberá do que fala".
Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático, animou a acudir ás representacións que terán lugar o venres 3 (20.30 horas), sábado 4 (20 horas) e domingo 5 (18 horas). Despois, Game Over estará presente na Feira Galega das Artes Escénicas, onde comezará o seu percorrido polos escenarios galegos que contraten a obra.
A obra, cunha posta en escena moi simple, pouco máis dun fondo branco, conta coa interpretación de Silvia Cerneira, Christian Escuredo, Clara Gayo, Daniel Méndez, Laura Míguez e Pepa Yáñez, que destacou o carácter de "neno grande" de Carlos Losada, respondido cun "neno grande con barba" polo autor.
Pola súa banda, Manuel Bragado, director de Xerais, que edita a obra, destacou que a través do Premio Manuel María e de obras como esta, comeza a encherse o baleiro existente no teatro infantil publicado en galego "que era unha rareza", di Bragado, para quen non existía un problema de produción, "Manuel Lourenzo ten até 17 obras infantís magníficas", senón de edición. Bragado salientou o interese espertado pola primeira obra gañadora do Manuel María, Boas Noites (de Paula Carballeira), e dixo confiar en que Game Over continuará o mesmo camiño: "o teatro para nenos duplica as tiradas do teatro para adultos, debido á súa distribución en colexios e bibliotecas", concluíu.