Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARLOS LOSADA, AUTOR TEATRAL

"Cando á xente non lle gusta unha obra, xa di: 'non me gusta o teatro', pero hai moitos tipos de teatro"

En xullo gañou o Premio Abrente da Mostra de Ribadavia con 'Augusta', e agora vai estrear 'Game Over', gañadora do Manuel María o pasado ano.

Marcos S. Pérez - 09:30 14/08/2008

Está sendo un ano moi completo para Carlos Losada (Cambados, 1966). O pasado mes de outubro facíase con Game Over co II Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil; a obra estrearase no Salón Teatro de Compostela en outono, da man de Teatro Cachuzo, a súa propia compañía, que montou no ano 2000 xunto a Rubén Ruibal. En xuño publicaba, por fin, Fume, a obra que escribira xa hai anos co propio Ruibal, e que viu á luza grazas á aposta de Estaleiro Editora. Ademais, hai cousa de quince días Losada gañou o Premio Abrente na Mostra de Teatro de Ribadavia cunha obra, Augusta, cualificada de 'innovadora' polo xuri.

O xurado do Premio Abrente destacou o carácter 'innovador' da túa obra, Augusta. Estás de acordo con esta definición?

Eu sempre estou de acordo co xurado...

...Refírome a se realmente cres que a túa é unha obra innovadora ou se é que ao teatro galego lle falta risco, e calquera obra que sae un chisco do normal chama a atención...

Escribir Augusta significou un grande esforzo, e foi para min un mecanismo de aprendizaxe. A obra vai máis aló dos esquemas lineais e dos modelos estándar, de xeito que cada escena ten un tempo distinto, e o que marca o cambio de tempo é a luz. A obra, así, resulta bastante complexa, porque ten sentido tanto de forma lineal, cando encaixas todas as pezas ao final, pero tamén ten outro sentido mentres estás vendo as pezas por separado. Foi un proceso moi interesante e moi longo.

Moi distinta é a túa obra Game Over, que se vai estrear este outono. Como van ser as representacións?
Estamos traballando nela dende hai meses. Vai ser unha montaxe moi sinxela, unha cámara branca e poucos máis, algo pouco habitual no teatro infantil. Despois imos xogar a introducir algunhas cores, e proxectaremos algúns vídeo, imaxes en 2D e 3D, pero basicamente vai ser o espazo baleiro e os actores, algo moi pouco clásico e moi arriscado.

É moi distinto escribir teatro para nenos?
Non, para min non. É dicir, partes da base de que o que contas é distinto, e para os nenos tes que presentar mensaxes claras e fáciles de ler, que cando fas teatro para adultos non é así. Quizais a maior diferenza é que cando escribo para nenos sei perfectamente onde vou, o que quero contar e onde vou chegar, e cando escribo para adultos, non.

Neste ano tamén se publicou en Estaleiro Editora a obra Fume, que escribiches con Rubén Ruibal. Segue sendo difícil publicar teatro en Galiza?
Si, segue sendo difícil. O certo é que a xente de Estaleiro fixeron unha aposta moi valente por publicar teatro e publicar dúas obras de autores de agora. Porque ademais acordaron publicar o libro antes de que Rubén gañase o Premio Nacional de Literatura Dramática e eu o Manuel María. Foi unha aposta moi arriscada. Hoxendía en Galicia é case imposible publicar sen ter gañado previamente un premio. A única posibilidade moitas veces é facelo en revistas.

Con Rubén Ruibal montaches hai anos Teatro Cachuzo, e aí segue a compañía; como van as cousas?
Teatro Cachuzo montámola no ano 2000, porque Rubén e eu queríamos escribir e representar as nosas propias obras. E neses anos contamos co apoio determinante de Nacho Castaño. Despois Rubén tivo que deixalo, porque lle chegou a paternidade e esas cousas, pero aí seguimos. O bo é que grazas aos premios que fomos conseguindo, agora podemos recibir axudas e subvencións, e por exemplo nesta obra que imos representar agora, Game Over, a xente cobra. Nunca se cobrara previamente, pola produción; traballábase e despois cobrábase en función dos bolos que se ían facendo.

Como valoras a situación do teatro galego, sobre todo no referido ás políticas públicas? Notaches cambios co novo goberno?
A intención vai encamiñada, pero vai todo moi lento. Nestes anos as políticas da administración de cara ao teatro centráronse no deseño e posta en funcionamento da Agadic, que aínda vai comezar o vindeiro ano. Os seus obxectivos son moi amplos e son fantásticos: a promoción do teatro amador, a introdución do teatro nas escolas, etc. Pero aínda non sabemos cales van ser as súas políticas concretas, nin se vai ter financiamento suficiente. A saber. Teremos que ver como se concreta.

Na última Mostra de Teatro de Ribadavia, Rubén García falaba da necesidade de convocar un Congreso do Teatro Galego. Cres que é necesario ou urxente?
Todo o que sexa contrastar ideas está ben. E sempre é bo que se reúna a xente interesada polo teatro, para analizar os seus problemas e buscar solucións.

Cales cres que son as necesidades máis urxentes do teatro galego?
Aí depende o que me esteas preguntando, porque a industria do teatro, as empresas, ten unhas necesidades, e o teatro en xeral ten outras...

O teatro, en xeral...
Creo que o fundamental sería introducir o teatro nas escolas, para que os rapaces, dende que son pequenos, tivesen ese coñecemento do feito teatral. Ao igual que nas cidades e nalgunhas vilas hai conservatorios de música, debería haber escolas municipais de teatro e danza. E o mesmo nos centro escolares, ao igual que se ensina música. Porque ese é o único ámbito no que o teatro pode ter un espazo, porque outros, falo da televisión, por exemplo, xa está copados. A xente ten que coñecer que existe o teatro, e que o teatro non é unidimensional, non hai un único tipo de teatro. A xente sabe que hai moitos tipos distintos de cine ou de televisión, e se ve algo que non lle gusta, di 'non me gustou esta película', pero se ve unha obra de teatro e non lle gusta, xa di 'non me gusta o teatro'.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: