Arredor dun 60% votaría 'si', por un 31% do 'non'. As reformas, estruturais, son de carácter netamente social.
Partidarios do 'non'
Algo máis de nove millóns de ecuatorianos están convocados este domingo ás urnas para votar nun histórico referendo onde deberán aprobar ou rexeitar a nova constitución, que consta de 444 artigos e foi redactada elaborada nunha Asemblea Constituínte durante oito meses por 130 representantes.
O presidente de Ecuador, Rafael Correa, afirmou en varias ocasións que renunciaría ao seu cargo se o texto constitucional era rexeitado polo pobo. Todo parece indicar que non ha ter problemas xa que, segundo as últimas enquisas, a maioría dos ecuatorianos chamados ás urnas referendará a nova Carta Magna.
A última das realizadas, que dende o 8 de setembro non se pode difundir no país pola lei electoral, vaticina un 60,1% de votos a favor, 31,3% en contra e 1,3% en branco. Unha outra anterior dáballe un 57% ao 'si' e e só o 24% ao 'non'.
Reformas sociais
Entre as reformas máis salientábeis que contempla a nova constitución están a prohibición do latifundio e da concentración da terra, así como da privatización da auga e das súas fontes co fin de facer efectivo o dereito do pobo ecuatoriano á seguridade alimentaria.
Ademais, non se permitirá a concentración en poucas mans da propiedade dos medios de comunicación, xa sexa en réximes de monopolio ou oligopolio, co obxectivo de primar o interese colectivo por riba privado.
O referendo estará supervisado por observadores da Organización de Estados Americanos (OEA), da Unión Europea (UE), do Parlamento Andino e do Centro Carter, entre outros.