Entrevista a Xosé Cabido, do sindicato STEG
De teres que aplicar un adxectivo para o inicio deste curso escolar, preferirías cualificado de movido ou de normal, xa que todos os anos é movido?
Pois penso que nin movido nin normal. Normal non, porque se agravan aspectos que empeoran a calidade do ensino e as condicións sociolaborais do profesorado. E movido, paréceme incluso unha palabra positiva, nós preferimos falar de conflitivo. E iso que non cremos que exista unha vontade por parte da Administración educativa de promover abertamente esta conflitividade, no fondo o que nos entristece e o que nos vemos na obriga de denunciar é unha falta de planificación moi grande.
En que sentidos percibides esta falta de planificación?
Nun momento en que tanto se fala do baixo nivel do noso ensino, pensamos que as medidas que está a tomar a Administración, en vez de enfrontar este problema, está contribuíndo a agravalo. No que se refire ao ensino secundario, na actualidade nin a nivel estatal nin galego está regulado o tema das materias afíns. Isto, na práctica, está a crear a figura do subprofesor, que é aquel, que ademais da súa materia ten que dominar materiais ben dispares. E non estamos a falar na teoría, poderíamos traer múltiples casos concretos, como o último do que tivemos coñecemento, onde un profesor de FOL, orientación laboral, un campo onde se traballa temas de dereito e de economía, ten que impartir docencia en física e química. E o peor é que non responde a unha lóxica de falta de recursos, de financiamento, senón unicamente a falta de planificación. E poño un exemplo: o departamento de filosofía do IES de Foz está con 13 ou 14 horas e ao Instituto non se lle deixou ofertar outras optativas que solicitaron porque só se matriculaban 5 alumnos, quedando os profesores desaproveitados facendo gardas. E no ensino de primaria pasa outro tanto, xente que aprobou este ano o concurso-oposición vai ter que facer as prácticas noutra especialidade diferente. E, insisto, son moitos casos concretos, que non pareza que é unha crítica xeral. Por último, queda por mencionar o enorme problema sociolaboral, sobre todo en secundaria, ao atopármonos neste inicio de curso con xente que levaba traballando 15 ou 20 anos e agora queda no paro. Este é un dos conflitos máis graves dos últimos anos nas condicións sociolaborais do profesorado.
Ante as mobilizacións e protestas que marcaron o inicio do curso, a Consellería responde que nunca houbo tantos profesores no ensino público e que aumentou o investimento por alumno. Como cadran estes datos co que vós denunciades?
Depende de como utilicemos as cifras. Nós cremos que a Consellería mente ou usa os datos de forma fraudulenta. Recoñecemos que houbo un aumento orzamentario, insuficiente para nós, pero que si se deu nestes últimos anos. Habería que ver para que se usou o diñeiro, como os investimentos en informática, que en moitos casos non foran solicitados polos centros xa que non era o primordial, e mesmo nalgún caso se non se pode falar de non utilización, si de infrautilización. No que respecta ao profesorado, en termos absolutos si que houbo un aumento, porque existe un acordo asinado para o aumento do profesorado de primaria, que viña a paliar unha situación grave de infradotación de persoal. Pero na secundaria, fronte ao aumento do alumnado, con case todos os centros que temos contacto nos falan de redución de 2 a 3 profesores. Outro aspecto é que aumenta a carga horaria dos profesores, restándolle tempo a outras actividades fundamentais para o seguimento dos alumnos fóra da aula e para o funcionamento do centro educativo. E pódese ver na lista de interinos que están sen traballar. En fin, as cifras falseadas esquecen as persoas concretas. E ata no número de profesores houbo moita falta de planificación, porque non se puido ofertar ou cando se fixo, de que maneira, aos opositores que aprobaron este ano. Unha falta xeral de planificación que esixiría responsabilidades políticas. Cales son os campos principais de traballo para STEG neste curso?
Entedemos que hai dous aspectos fundamentais: a redución das ratios, hoxe moi elevada, chegando a 25 alumnos por profesor, algún deles con necesidades educativas especiais. Este é un verdadeiro cabalo de batalla que nunca se dá abordado. Outro aspecto é que temos un regulamento orgánico dos centros antiquísimo, que poden chegar a cumprir 20 anos, e que está a xerar moitos problemas e conflitos nos centros, entre o profesorado e estes coas directivas. A LOE esixe que os centros teñan un regulamento axeitado á realidade social e lexislativa actual. Pensamos que aínda que se está a traballar na Consellería non se vai negociar antes das próximas eleccións. É algo fundamental e intuímos que algunhas das propostas van ser malas para a mellora da calidade educativa e para as condicións laborais do profesorado. Fálase da crise do sindicalismo e os sindicatos do ensino parten cunha percepción social de sindicatos corporativistas e cun profesorado falto de ilusión e de motivación. E aquí xorde, STEG, un sindicato recente. Dende que presupostos e con que perspectivas afrontades o voso labor sindical?
O espírito dos que formaron STEG era facer un sindicalismo novo, diferente. Entendíamos o cansazo da xente por unha forma de sindicalismo que, en certa medida, estaba dentro da engrenaxe do sistema. E pensabamos que había un espazo para unha xente máis crítica, que traballase de forma asemblearia e, sobre todo, que intentase facer compatible a teoría e a praxe. Aínda que somos do ensino, estamos camiñando para abrirnos a outros sectores. Con todo, definímonos coma un sindicato de clase.
E que é o que vos singulariza?
Pois o que dicía, que a teoría e a praxe se unan en certa medida, que é o que a esquerda sempre reclamou. E no campo do ensino víamos que existían problemas sen resolver, por exemplo coa concertada. Nós entendemos que a oposición ao sistema concertado do ensino ten que ser coherente, non caendo na falacia, como fan outras forzas, que defender ao profesorado do ensino concertado non é defender á concertada. Están a promover e facer que perviva o modelo. Outro aspecto que nos caracteriza é a defensa dun ensino laico, pedindo a retirada da relixión da escola. Tamén estamos contra a profesionalización do sindicalismo, temos un máximo de 6 anos para estar liberados en labores sindicais. Ou tamén estamos contra a tendencia de que os sindicatos se dediquen á formación, converténdose en auténticas empresas de formación, con contratos que as ata á Administración. E por último, temos unha gran aposta pola coeducación, incidindo moito na función pedagóxica que debe ter un sindicato.