Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
nacho lópez, ateneu nou barris

"Deixamos de lado as diferenzas ideolóxicas para facer fronte a un proxecto común"

A Foliada de Nou Barris foi unha iniciativa dos desaparecidos Jarbanzo Negro, e hoxe o seu cantante dirixe a programación cultural do Ateneu.

Redacción - 09:30 04/10/2008
Festival d'intercavi galego-català

Festival d'intercavi galego-català

Chegou a Barcelona coa súa troupe de feirantes un ano 2000, trocando arte por un anaco de leira onde quedar coas caravanas. Era a época na que os cinco de Jarbanzo Negro -Uli, Tanja, Xan, Nacho e Viascón- participaban nun teatrocirco suízo que xiraba por Europa. O Ateneu de Nou Barris abriu o patio da casa a estes bohemios a cambio dunha miga da súa arte. E trocaron circo, teatro, concertos e animacións por auga, luz e terra para amarrar a casa móbil.

O Jarbanzo mudou en asociación cultural e quedou en Barcelona. Da súa relación co Ateneu 9 Barris abrocharon moitas iniciativas conxuntas e, no ano do Prestige, Nacho López propuxo achegar a Barcelona unha mostra de cultura galega con accións de protesta que resultou un éxito total. Ano 2003, I Foliada.

López, que xa decidira quedar en Barcelona, entrou a traballar no Ateneu en 2004 como director da programación cultural e como organizador da Foliada galego-catalá. En 2007, co gallo da III Foliada -A Gresca- que tivo lugar en Cerceda, decidiron alternar cada ano o desprazamento de artistas galegos e cataláns para amosar e partillar as súas respectivas realidades culturais, sociais e políticas. Conseguiron implicar nun mesmo proxecto a toda unha vila e a un barrio enteiro.

E no 2008, unha outra foliada máis. Empregando o feito cultural como ferramenta de acción social, participación e entendemento, a cuarta edición da Foliada terá lugar desta volta na periferia de Barcelona. Nacho López, o jarbanzo que ideara esta aventura aló por 2003, explica as novidades da IV Foliada.

En que se basea esta nova edición da Foliada?
O Festival d'intercanvi galego-català a 9 Barris vai ter lugar na primeira fin de semana de outubro, unha festa organizada por todas as asociacións do barrio cuxo epicentro é a participación; todo está artellado para que os veciños deixen de acudir a un festival e pasen a formar parte do festival.

Cal é o eixo temático das actividades deste ano?
As actividades han virar arredor de catro eixos básicos: a mobilidade, a defensa da lingua, a memoria histórica e a defensa do territorio. Por exemplo, a Asociación Cultural Aturuxo de Boiro organiza accións para denunciar a especulación e a destrución do territorio. Aquí poderán ollar o exemplo de Can Masdeu, unha okupación rural cunha estrutura organizativa moi forte na que participan todos os veciños.

Que máis pode aprender Galiza de Nou Barris?
A dinámica do Ateneu Nou Barris baséase na súa capacidade organizativa, na crenza firme no entendemento común, á marxe dos intereses persoais. Na xestión da Foliada hai moitos colectivos implicados con cadanseu xeito de se organizar, que deixan de lado as súas diferenzas estruturais e ideolóxicas para facer fronte a unha iniciativa común.

Que outras novidades se achegan?
Tamén vai haber unha xuntanza moi interesante de radios libres. No barrio temos tres e queremos poñelas en contacto con catro radios libres galegas -Cuac, Roncudo, Piratona e Kalimera- nun encontro no que todos podemos aprender das ideas dos demais. E tamén haberá obradoiros de instrumentos tradicionais galegos, tres ofertas gastronómicas, proxeccións audiovisuais, charangas, concertos, mesas de debate, monicreques, teatro, xogos populares, diables e falcóns...

As actividades de cuarta edición da Foliada de Nou Barris terán lugar os días 3, 4 e 5 de outubro por todo o barrio. Máis de 170 galegos e galegas hanse desprazar a Barcelona levando un anaquiño da nosa cultura, gastronomía, música e tradicións con gana de amosar e aprender da experiencia dun barrio pioneiro na autoxestión social e cultural.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: