A falta de dúas probas podemos aseguralo, contando os seus puntos e sabendo que o seu principal rival, Bevan Docherty, non se vai presentar a unha competición.
O triatleta ferrolán Xabier Gómez Noya conquistou, a falta de dúas probas para a final da competición, a súa terceira BG Copa do Mundo consecutiva, converténdose así no primeiro deportista non australiano en facelo.
Sen necesidade de correr o vindeiro sábado en Lorient (Bretaña), Gómez Noya proclamouse vencedor da Copa 2008, xa que o único que tería opcións de o superar na clasificación xeral, o neozelandés Bevan Docherty (bronce en Beixín), non se inscribiu na proba bretoa. Sumando puntos, a vantaxe que leva o galego concedeulla a vitoria final.
O galego é, con 11 triunfos, 7 vitorias consecutivas e 17 podios seguidos, o segundo triatleta con máis vitorias na Copa do Mundo, sendo só superado polo australiano Brad Beven que conta con 17 vitorias seguidas no seu palmarés.
Recuperándose e pensando na tempada que vén
Xabier atópase agora en proceso de recuperación, tras sufrir unha lesión no talón de Aquiles, que dificultou a súa actuación en Beixín e que lle impediu participar no Campionato Estatal que se desenvolveu hai dúas semanas en Ferrol, onde o seu compañeiro, o ordense Iván Raña, gañou a medalla de prata.
Agora queda pensar no vindeiro Mundial, que se ha transformar nunha competición por puntos, e non nunha proba dun só día, xa que terá seis etapas e unha final en Australia.
Clasificación xeral da BG Copa do Mundo Masculina
1. Xabier Gómez Noya (GZ) 300 puntos.
2. Bevan Docherty (NZL) 246 puntos.
3. Ivan Vasiliev (RUS) 201 puntos.
4. Tim Don (GBR) 160 puntos.
5. Reto Hug (SUI) 140 puntos.
6. Simon Whitfield (CAN) 135 puntos.
7. Brad Kahlefeldt (AUS) 132 puntos.
8. Hendrik de Villiers (RSA) 129 puntos.
9. Oliver Freeman (GBR) 125 puntos.
9. Rasmus Henning (DEN) 125 puntos.
12. Iván Raña (GZ) 116 puntos.
83. Samer Ali Saad (ESP) 4 puntos.