Conta con tres xeneradores con capacidade para producir 750 quilovatios cada un, se ben o goberno prevé chegar a 27 no total do país.
Despois de que a Xunta desbotase a instalación de parques eólicos no mar galego, o aproveitamento enerxético das ondas do mar chega a Portugal, iso si da man da forza maremotriz. O diario portugués Público informa da instalación de tres xeneradores marítimos nas proximidades de Póvoa de Varzim, que xeran electricidade a partir da oscilación das ondas mariñas. Estes xeneradores flotantes están fabricados en Escocia (Pelamis Wave Power) e xeran 750 quilovatios cada un, o que equivale á electricidade producida por un aeroxenerador dun parque eólico. Porén, o obxectivo é iniciar en breves unha segunda fase, na que se colocarían 27 máquinas máis, o que sumaría unha enerxía de 20 megavatios. Con todo, a empresa xa está a estudar a posibilidade de xerar uns 550 megavatios aproveitando toda a costa portuguesa, xa que o potencial deste litoral chega até os cinco mil megavatios.
Apoio do goberno
O Ministerio de Economía portugués, moi interesado no desenvolvemento deste tipo de enerxía, xa está a estudar a posibilidade de crear unha sociedade dependente da Rede Eléctrica Nacional, que xestionaría todo este potencial. Até o de agora xa concluíu un proxecto de decreto lei, que se prevé que se aprobe a finais de mes. Ademais, dende o Centro de Enerxía das Ondas felicítanse do desenvolvemento deste proxecto, xa que estiman que ademais de xerar enerxía, incentivará a fabricación de compoñentes no país e impulsará o desenvolvemento tecnolóxico asociado á enerxía eólica mariña (até o de agora a única empresa portuguesa incorporada ao proxecto é Enersis, se ben ten capital australiano).
Foi o propio ministro de economía, Manuel Pinho, quen inaugurou o último dos xeneradores colocados neste parque mariño, para o que o goberno portugués achegou 8,5 millóns de euros. As instalacións atópanse a uns cinco quilómetros da costa da baía de Póvoa. A súa forma é cilíndrica, con 50 metros de longo e un perímetro de tres metros e medio. A enerxía prodúcese aproveitando a forza do mar e transpórtase despois por un cabo submarino até unha conexión coa Rede Eléctrica Nacional. Con todo, non consta nos xornais portugueses que se teña feito ningún estudo sobre o impacto ambiental concreto desta tecnoloxía.