O plan de rescate financeiro anunciado polo goberno de Estados Unidos foi recibido con euforia.
O Ibex 35 acolleu este venres con euforia o plan de rescate financeiro anunciado polo goberno de Estados Unidos e pechou a sesión coa maior suba da súa historia, un 8,71%, até situalo na cota dos 11.500 enteiros, nivel que non marcaba desde principios de setembro.
En concreto, o Ibex alcanzou os 11.557,90 puntos logo de cotizar durante os últimos dous días en niveis de hai tres anos, arrastrado pola creba de Lehman Brothers, que espertou o temor dos investidores de todo o mundo a un agravamento da crise financeira.
O mercado acolleu esta quinta feira con indecisión a acción coordinada do Banco Central Europeo, a Reserva Federal estadounidense e os bancos centrais de Inglaterra, Canadá, Xapón e Suíza, para levar a cabo unha acción coordinada co fin de inxectar liquidez nos mercados financeiros internacionais por importe de 180 mil millóns de dólares (125.543 millóns de euros), mais non se resistiu ao plan da Administración Bush.
A sesión tamén pechou con outro máximo, o do volume de negocio, que alcanzou os 11.703,8 millóns de euros. Do total, 2.057 millóns corresponderon a Santander, 1.524 millóns a Telefónica e 1.114 millóns a BBVA. Precisamente, o novo plan de rescate de Estados Unidos para liberar aos bancos dos activos ilíquidos e protexer así ao sector financeiro da crise non só impulsou a cotización dos bancos españois, senón tamén dos internacionais, o que se converteu nun día de gloria.