O xornalista David Rodríguez cóntanos dende a cidade sueca como se está a desenvolver a xuntanza na procura dun mundo mellor.
Dificilmente se podería atopar un emprazamento mellor para botar a andar a 15ª edición do Foro Social Europeo -no rueiro deste Malmö de fríos ventos que xa anuncian o outono- que un parque de nome simbólico: Folkestpark (o parque do pobo).
Malmö, unha agradable cidade duns 270.000 habitantes situada no sur de Suecia, mostra a súa cara máis acolledora para insistir no lema que, dun tempo a esta parte, resume as esperanzas da esquerda mundial verdadeiramente transformadora: outro mundo é posible. Pero, como conseguir que o que é posibilidade non fique en mero desexo? Se cadra, a mellor maneira sexa demostrando que eses novos valores a espallar son aplicables mesmo na xestación e concepción da cita europea; porque se hai algo que caracterice a este tipo de eventos é que se constrúen grazas ao desinteresado traballo dos seus voluntarios e voluntarias.
Bo exemplo disto é a rede Babels onde intérpretes de todas as latitudes prestan os seus servizos lingüísticos a cambio unicamente de teren cubertos os gastos do transporte e de dispor dun lugar para durmir. Para recibilos ninguén mellor que xente como Nita, arquitecta duns cincuenta anos e unha das moitas activistas locais que expresan o seu compromiso co espírito altermundialista aloxando aos visitantes durante os días que dura o encontro. Na súa furgoneta encárgase de recoller a un grupo de intérpretes e levalos ata a cálida case a de madeira que comparte cos seus fillos e mais con Stefan, o seu home, en Lund, a uns 30 kilómetros de Malmö. Tras un longo día de viaxe dende os lugares máis insospeitados do vello continente a felicidade é dispor dun colchón, dun cuarto de baño e, por que non, dun prato de cogomelos recollidos pola propia familia de Nita nalgún bosque da veciñanza.
Pero volvamos a Folkestpark. Tras pasar o día en Copenhaguen -a capital danesa está separada desta parte de Suecia por unha ponte construída no ano 2000- entramos no parque, entre algún que outro posto de libros, bandeiras vermellas e varios repartidores de panfletos, para escoitar a voz dunha muller -Vandana Shiva- cuxas palabras coñeciamos só de forma escrita. A intelectual, vestida co shari tradicional, centrou o seu discurso na necesidade de denunciar un sistema que, por exemplo na India, está a provocar o suicidio en masa de centos de campesiños que viron como se lles impuxo o uso de sementes patentadas pola industria bioxenética. Canda ela, moitos outros van ocupando o escenario disposto pola organización: Sebahat Tuncel, parlamentaria kurda no parlamento turco, Pal Aradi presidente dunha asociación xitana de Hungría, a representante de ATTAC Europa...
Pero se houbo, neste repaso de agravios, dúas persoas que, a base de vehemencia e sinceridade, conseguiron persuadirnos do desesperado da súa chamada, estes foron Angela Godfrey-Goldstein do Comité israelí contra a demolición de casas e mais o activista palestino Mustafa Barghouti. A crueza do exposto -Barghouti denominouno a peor situación de apartheid da historia e denunciou sen máis rodeos que o movemento altermundialista aínda non fose plenamente consciente das atrocidades que estaban a suceder alí- e a paixón posta ao facelo, conseguiron que a cuestión palestina protagonizara, sen dúbida, o momento de maior emoción da noite. Dicía o sociólogo Gunnar Myrdal que "á marxe das súas preferencias ideolóxicas internas, e a miúdo en contradición con elas, todos os gobernos occidentais e os seus empresarios apoian a planificación do estado".
Estas palabras, en principio chocantes co espírito liberal dos tempos, son totalmente pertinentes á vista da chamada crise das subprime, as quebras en cadea de bancos e empresas e a operación rescate posta en marcha polo goberno dos Estados Unidos. En case todos os discursos pronunciados nesta inauguración do Foro Europeo 08 sobrevoaban as mencións a esta primeira crise seria do sistema financeiro. Que este episodio non só sirva para mostrar o acertadas das reflexións do sueco Myrdal, senón tamén para contar con novos argumentos que axuden na tarefa de buscar alternativas a esta globalización oligárquica, xentes vindas de toda Europa discutirán, entreteranse, traballarán e intercambiarán experiencias nas innumerables actividades, moitas delas paralelas, que ateigarán desde o día 17 ata o 23 de setembro, as abondosas infraestruturas culturais da agradable e fría cidade de Malmö desde a que escribo.