Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÉXITO DO FILME DE DYGRA

'O Espírito do Bosque' supera os 50 mil espectadores na súa primeira fin de semana

Situouse como a décima película máis vista no Estado e a primeira de animación. Falamos con David Rubín, director do filme.

Marcos S. Pérez - 11:06 17/09/2008

O venres 12 estreouse O Espírito do Bosque en máis de 200 salas de todo o Estado. A produción de Dygra comezou a súa andaina nos cines con bo pé, superando na súa primeira semana de proxección os 50 mil espectadores. Ao filme dirixido por David Rubín e Juan Carlos Pena quédalle aínda moito percorrido por diante, tanto no Estado Español coma noutros países. O filme foi vendido xa en máis de trinta países, e a cifra superará seguramente os setenta nos que se puido ver A noite de San Xoán.

Tanto este filme como a anterior produción de Dygra, O Bosque Animado, obtiveron o Goya á mellor película de animación. Vese David Rubín recibindo o premio? "Prefiro non fantasear con iso", di, "preocúpame máis que teña éxito na taquilla, co público, que é onde ten que funcionar". Trátase da primeira longametraxe que dirixe Rubín, que si realizara varias curtametraxes, "houbo momentos difíciles, porque hai moitos procesos distintos, que funcionan en tempos distintos, e moitos aspectos que se realizan de xeito externo, e que hai que coordinar".

Na temática do Espírito do Bosque priman os valores medioambientais, e a protección do patrimonio natural, temas tamén moi presentes noutros filmes de recente éxito, como Wall-E. "Hai moitos problemas que a xente non termina de percibir como graves a curto prazo; non só o cambio climático, senón tamén a especulación inmobiliaria sen sentido, que está destruíndo espazos moi valiosos e acabando coa economía de moitos países. Esta película ten unha mensaxe moi clara, moito máis cá doutros filmes".

Rubín móvese entre dous mundos, o da banda deseñada, e o do audiovisual, con moitos puntos de conexión; o cómic bebeu moito da linguaxe cinematográfica nos seus cadriños, e nos últimos anos esa relación volveuse bidireccional, aprendendo o audiovisual moitas técnicas na banda deseñada. "Levo dez anos compaxinando ambas as dúas actividades", di Rubín, "o cine polas mañás e o cómic polas tardes. Non teño esquizofrenia, pero si que cada vez máis custa levar as dúas cousas ao mesmo tempo".

Rubín non esquece a banda deseñada, polo tanto, e prepara para decembro o lanzamento da súa nova novela gráfica, Caderno de Tormenta, editada por planeta. Tamén en breve editará unha adaptación gráfica de Romeo e Xulieta, encargada por SM, e xa no 2009 outra adaptación con SM e unha novela gráfica, cuxo título aínda non pode desvelar, que será publica por unha importante editorial estadounidense.


4,92/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: