Chicago coñecerá a fraga autóctona galega na sección oficial dun dos certames máis prestixiosos do xénero co novo proxecto de Dygra Flms.
A terceira longametraxe do estudio de animación Dygra Films, Espírito do Bosque, foi recentemente escollido polo Festival Internacional de Cinema Infantil de Chicago (CICFF) para competir na súa sección oficial. O certame, que vai ter lugar entre o 23 de outubro e o 2 de novembro de 2008, celebra nesta edición o seu XXV aniversario.
Dygra levará a Chicago a versión inglesa do filme, que conta coas voces de actores como Anjelica Huston, Ron Perlman, Sean Astin ou Giovanni Ribisi. Non é a primeira vez que a produtora galega presenta unha longametraxe neste festival, posto que O bosque animado,a primeira longametraxe de animación de Dygra, xa acadara en 2002 o Premio do Público.
Este festival de Chicago é un dos máis importantes do xénero a nivel mundial e supuxo o lanzamento internacional da adaptación da obra de Wenceslao Fernández Flórez, ao outorgarlle o primeiro dos máis de vinte galardóns que recibiu no seu percorrido por diferentes países.
Espírito do Bosque, dirixido por Xoán Carlos Pena Babío e David Rubín, é unha nova andaina das personaxes do Bosque Animado (Furi, Linda, as moscas Hu-Hu e Ho-Ho e a señora D'Abondo) que volven facer da fraga e do pazo os escenarios das aventuras das toupas protagonistas e do resto de habitantes do bosque do país. O filme poderá verse en cines de todo o Estado dende o vindeiro venres 5 de setembro.