Anunciáronse en Madrid as películas e curtametraxes que competirán na sección oficial do evento.
O Festival de Cine Árabe AMAL viaxou a Madrid para presentarse na Casa Árabe diante dos medios de todo o Estado. Amal crece e busca proxección fóra do país, e entre outras accións prepara unha mostra itinerante por distintos puntos do Estado e diversos países latinoamericanos na que se poderán ver os mellores traballos presentados a concurso nesta edición.
As seis longametraxes de ficcion seleccionadas para o Amal 2008 son Waiting for Pasolini (Daoud Aoulad Syad, Marruecos, 2007), Andalucía (Alain Gomis, Francia e España, 2006), Ahlaam (Mohamed Al - Daradji, Irak, 2006), Baixo o mesmo ceo (Sílvia Munt, España, 2008), La Maison Jaune (Amor Hakkar, Francia e Alxeria, 2007), Marrakech Inshallah (Christian e Steffen Pierce, EEUU, 2007). Na sección de documental competirán Tiro Libre (Marcelo Piña Lorca, Chile, Exipto e EEUU, 2007), After de War (Samir Abdallah, Egipto, Líbano e Francia, 2008), A Jihad for love (Parvez Sharma, EEUU, 2007), Son Palestino, Osama Qashoo, Palestina, Cuba e Reino Unido, 2008) e Atlas Bereber (Moisés Salama Benarroch, España, 2008).
Ademais, en Amal poderán verse un total de vinte curtametraxes, tanto de ficción como curtametraxes. Todas estas procucións poderán verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela entre o 25 e o 31 de outubro. Nesta edición aumentan tamén os premios, chegando a cinco mil euros para a mellor longametraxe, 3.500 para o mellor documental, e algo máis de mil euros para as curtametraxes.
O xurado estará composto, entre outros, por Magda Wasset (presidenta), delegada xeral da Bienal de Cine Árabe de París e directora do departamento de cine do Instituto del Mundo Árabe de París; e Abbas Arnaout, director do Festival Internacional de documentales da canle Al Jazeera. Ademais, tamén estará formado por Amalia Blanco Lucas, directora xeral corporativa de Vértice 360º, Eduardo Galán, director de programación da Televisión de Galicia, Basel Ramsis, director de cine documental e comisario de proxectos de cine con Casa Árabe, e Alejandro Barreiro Muimelo, especialista de Cine no programa "Miradas 2" de Televisión Española.
Para pechar o festival, música
Amal diversifica os seus contidos e nesta edición achegará a Galiza a música árabe, o mesmo que o cine. Speed Caravan porá o pecho ao Festival, cun concerto que terá lugar na Sala Capitol o 31 de outubro. A banda está liderada polo alxerino Mehdi Haddab, que nos últimos anos revolucionou o láude cun toque persoal no que predomina a electricidade, e mesturando a música oriental e o rock. Haddab ten colaborado con Rachid Taha, Rodolphe Burger, Rocky e MC Spex, ex membros de Asia Dub Foundation, ou Frank Vaillant (Lo Jo) na batería e Christophe Schwob (Jad Wio) nas programacións. No seu repertorio incorpora éxitos internacionais como Galvanize, de The Chemical Brothers, ou Killing an Arab de The Cure.