Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FESTIVAL DE CINE ÁRABE 'AMAL', DO 25 AO 31 DE OUTUBRO

"A desinformación trae a confrontación"

O Amal 2008 achegará o mundo árabe a Compostela cos cinco sentidos, inclúe concertos e degustacións culinarias ademais de cinema.

Marcos S. Pérez - 14:20 20/08/2008

O Amal 2008 comeza a albiscarse no horizonte. E trae novidades: en primeiro lugar unha vontade de diversificar as súas actividades, incluíndo non só cinema, senón tamén concertos de música árabe, e degustacións da cociña daquela cultura. Ademais, concentra a súa duración nunha semana, do 25 ao 31 de outubro (xusto antes de Cineuropa) e traslada as súa actividades ao Teatro Principal. Finalmente, procura unha meirande proxección en todo o Estado e máis no extranxeiro. Para iso, presentarase o vindeiro mes de setembro na Casa Árabe de Madrid, e unha vez que finalice o festival, unha 'Mostra Amal' cunha selección dos seus mellores traballos viaxará por distintos países hispanoamericanos.

Cambia tamén o logo, que integra a caligrafía árabe, e novos deseños para a súa imaxe pública, que incorporan a filosofía de 'vivir Amal cos sentidos', chamando a atención sobre as actividades paralelas que complementarán o festival: o concerto de música árabe que terá luga na Sala Capitol a finais de outubro, e a degustación culinaria ("a mellor embaixadora da cultura árabe", segundo os organizadores) que acollerá o Restaurante Caney nesa mesma semana, e que incluirá humus, muhammara, falafel, mashawi kebab e baklawa.

Ademais, Amal incorpora un curso de documental, realizado en colaboración coa USC. O curso está dirixido por Basel Ramses, que o pasado ano gañou o Premio do Público con 'Columpios'.

Polo demais, os responsábeis do festival non quixeron adiantar máis detalles sobre o núcleo de Amal: o cinema. En setembro farase pública a lista de filmes seleccionados, moitos deles aínda non confirmados polas dificultades que existen en moitos países árabes para distribuír intenacionalmente o seu cinema. É o caso, por exemplo, de Palestina. Si se confirmou que en Compostela poderase ver o documental 'Free Kick', realizado polo chileno Marcelo Piña, que seguiu á selección palestinian de fútbol no seu intento de se clasificar para o Mundial.

En calquera caso, Amal procura un ano máis o obxectivo de servir de ponte entre culturas, de enlace entre o mundo árabe e Galiza, promovendo o coñecemento mútuo. Porque, en palabras do comisario do festival, Ghaleb Jaber Martínez, "a desinformación trae a confrontación".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Entrega de premios da edición 2007
Entrega de premios da edición 2007
O novo logo do Festival de cinema euro-árabe
O novo logo do Festival de cinema euro-árabe
Unha das proxeccións da pasada edición
Unha das proxeccións da pasada edición