Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COLECTIVOS ECOLOXISTAS

Exixen a ampliación da cobertura dos dereitos animais

Diferentes organizacións reclaman á Dirección Xeral da Conservación da Natureza a publicación do borrador da Lei de Protección e Benestar Animal

Redacción - 10:45 11/09/2008

A normativa que protexe os dereitos dos animais en Galiza é unha lei vixente dende o ano 1993. Porén, é considerada insuficiente tanto polas organizacións ecoloxistas como polo propio conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, que xa adiantara que se debe "adaptar ás exixencias da sociedade do século XXI, que non concibe o maltrato nin a indiferenza cos animais". Non obstante, estas declaracións fixéronse hai xa un ano, e as organizacións que defenden os dereitos dos animais veñen de solicitar mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a publicación do borrador da nova lei.

Os diferentes colectivos que asinan a petición (Amigos da Terra, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Libera!, Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galiza UPAFGA, Matar por matar, non!, Adega, Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación pola protección Animal Abeiro) piden que se teña en conta a súa opinión e que se fomente un proceso máis participativo na elaboración da futura lei no que poidan intervir os axentes sociais implicados na defensa dos animais.

Cambios necesarios
Aseguran que as sancións que recolle o texto en vigor deberán incrementarse para garantir a súa eficacia, xa que consideran ridículas as multas actuais, ao tempo que piden que se inhabilite aos maltratadores para unha futura tenencia de animais. Tamén se pronuncian sobre os espectáculos tradicionais nos que interveñen animais: piden que queden totalmente erradicados a través da regulación da futura lei.

Ademais, esixen un maior control e vixilancia por parte das autoridades aos establecementos que posúan animais, tanto para a súa venta, recuperación ou recollida. O obxectivo é que se garanta o cumprimento das normas exixidas para garantir as condicións sanitarias e de benestar mínima aos animais.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: