O sindicato afronta o novo curso reivindicando administrativos nos centros, prevención do fracaso escolar e mellores retribucións para os docentes.
O sindicato CIG-Ensino ofreceu unha conferencia de prensa para dar a coñecer as súas reivindicacións no inicio do curso en ensino non universitario 2008-09.
Que os centros educativos conten con administrativos para liberar os profesores da xestión administrativa, accións de prevención no eido do fracaso escolar e melloras retributivas para os docentes son algúns dos obxectivos que centrarán a acción sindical da CIG-Ensino.
Neste senso, o secretario nacional, Anxo Louzao, que estivo acompañado pola membro da Executiva Marta Dacosta, advertiu de que a organización "non ten ataduras políticas" e que "non nos vai condicionar un ano electoral".
Ademais, rexeitou que exista "intención de conflitividade" para o curso escolar, mais avanzou que existen reivindicacións orientadas á "calidade no ensino público" e outras vinculadas a "cuestións profesionais".
Decreto do galego
No entanto, velar polo cumprimento do decreto do galego para avanzar dun xeito real na normalización lingüística no ensino será un dos principais cabalos de batalla da CIG-Ensino. Con este fin, pediron a creación dunha dirección ou dunha subdirección de Educación que coordine o uso da lingua do país nos centros educativos.