En setembro de 1958 principiaban os traballos que desecaron un humidal de extraordinario valor.
Autoridades franquistas supervisan as obras
Hai medio século comezaban as obras de desecamento da mítica lagoa de Antela, en terras da Limia. Dous anos antes, unha resolución administrativa acordara rematar cun dos humidais máis importantes da Península Ibérica. Os seus corenta quilómetros de extensión comprendían unha extraordinaria riqueza natural. A profundidade das súas augas era de 60 centímetros aínda que había zonas onde chegaba aos 3 metros. A principios dos 70 a lagoa xa non era máis que unha lembranza. Nesa época as autoridades procederon ao reparto de parcelas entre colonos. Os humidais deron paso a enormes extensións con cultivos de patacas e areeiras. Agora a Xunta ten en marcha un proxecto para a recuperación parcial da antiga lagoa
O humidal, situado a 615 metros de altitude, ocupaba terras dos actuais concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e A Porqueira. Arredor da lagoa naceron lendas que foron transmitidas de xeración en xeración. Agora, coincidindo coa efeméride, o Concello de Sandiás ten previstas unhas xornadas para recuperar a súa historia.