Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA O PLANO ACUÍCOLA

"O único que nos queda é a estratexia Encrobas"

Adega e os colectivos veciñais anuncian medidas legais contra os proxectos das piscifactorías, mais din confiar máis na utilización da presión social.

Redacción - 16:00 02/09/2008

Unha semana despois da aprobación do plano acuícola, as diferentes organizacións que se opoñen á súa posta en marcha veñen de analizar polo miúdo as súas repercusións, así como de anunciar as iniciativas coas que tentarán frealo. Adega, a Asociación A Pergoliña de Camelle, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo e a Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas cualificaron o plano acuícola como a "meirande agresión á costa galega dende o Prestige" e adiantaron que presentarán unha denuncia fronte á Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta actuación basearase, segundo afirman, en que ningún dos 24 parques de acuicultura contemplados no plano ten permiso de verquido ao mar, nin se prevé que se doten dun sistema de depuración de afluentes axeitado como obriga a Unión Europea.

Ademais, en canto o plano acuícola apareza publicado no DOG, os colectivos veciñais e ecoloxistas presentarán un recurso contencioso administrativo contra o conxunto do documento. Entenden que vulnera a Lei de Protección da Paisaxe, a Lei de Costas ou a Lei da Conservación da Natureza, entre outras normativas. Outra das iniciativas legais será a de presentar unha denuncia ante a Unión Europea para informar da insustentabilidade do proxecto, achegando información sobre o destino dos fondos comunitarios que esta institución presta para a pesca, unha cifra que chega até os 390 millóns de euros. Asemade, dende o traballo nos concellos, promoveranse declaracións de Espazos Naturais de Interese, unha cualificación que valora os espazos con alto valor ambiental e que depende dos gobernos municipais. Finalmente, a última das medidas legais será a de continuar a traballar na promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular, que amose o rexeitamento popular que ten o plano acuícola. Doutra banda, o desenvolvemento de cada un dos 24 plans sectoriais atopará alegacións individualizadas por parte destes colectivos.

Sen embargo, tanto veciños como ecoloxistas din non confiar excesivamente na xustiza e consideran que o principal factor da súa loita será a presión social. "Pararemos as máquinas se é preciso", din apelando a loitas históricas como a das Encrobas ou a que liderou con éxito Adega contra a piscifactoría de Foxolongo en Ribadeo.

"O PP beneficiaba a Pescanova e o PSOE a Stolt Sea Farm"
As diferentes organizacións amosáronse moi molestas coa decisión tomada polo goberno da Xunta. Acusan directamente a Emilio Pérez Touriño e á conselleira de Pesca, Carmen Gallego, de sacrificar o potencial e os recursos do noso litoral para deixalos nas mans das "transnacionais do peixe de plástico", así como de dar continuidade ao proxecto aprobado 'in extremis' polo goberno popular. Recordan que o Plano Acuícola sae adiante sen o visto bo nin de Política Territorial nin de Medio Ambiente, consellarías que dependen do propio PSdeG, ademais de non contar co apoio da Comisión de Secretarios nin dos socios de goberno nacionalistas.

En canto á afección da Rede Natura, acusan de falsidade ao Goberno ao dicir que é mínima. Pola contra, falan de 540 mil metros cadrados de espazos naturais que serán ben destruídos fisicamente, ben degradados por mor do impacto nos seus ecosistemas. Asemade, negan que se vaian a crear os dous mil postos de traballo anunciados, xa que na actualidade, as 27 plantas que funcionan só dan emprego a 525 traballadores. Ademais, prevese que as novas fábricas inclúan sistemas máis automatizados que prescindan da man de obra. Finalmente, enumeran as razóns polas que este non é un plan sustentábel, tal e como o define o goberno: polos riscos derivados dos seus verquidos, pola súa proximidade á costa, ou porque non se tivo en conta ás necesidades da poboación afectada, todas estas esixencias da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), que avoga pola sustentabilidade da acuicultura.

Medio Ambiente achaca as críticas a motivacións políticas (Ampliación: 18:50)
O Conselleiro de Medio Ambiente amosouse sorprendido por estas denuncias: "isto é un problema máis político que ambiental", dixo sobre as intencións de Adega e dos colectivos veciñais de levar ante a Unión Europea o Plano Acuícola e de recorrer á presión social. Manuel Vázquez falou de "motivacións políticas" e acusou á entidade ecoloxista de "agocharse detrás de políticas ambientais". Neste sentido, recordou que o proxecto defendido polo goberno popular "invadía case ó 50% da Rede Natura, sen que Adega presentase contencioso ningún" e lamentou que o faga "precisamente agora cando non se sitúa ningún novo desenvolvemento na Rede Natura".


Ligazóns

4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: