Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APERTURA DE CURSO POLÍTICO

Feijoo recoñece que o PPdeG cometeu "erros" cando gobernou

O presidente do PPdeG participou nun acto no Castelo de Soutomaior onde tamén interviñeron Mariano Rajoy, en clave estatal, e Manuel Fraga, fóra do previsto.

Redacción / EP - 17:45 30/08/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, recoñeceu este sábado que a súa formación cometeu "erros" nos 16 anos que estiveron na Xunta, aínda que considerou que o PSdeG e o BNG, que actualmente conforman o Goberno, "recolleron e agrandaron" todos os erros que puido cometer o PP durante tanto tempo.

Nun acto de apertura do novo curso político no Castelo de Soutomaior, Feijoo considerou que hoxe en día Galiza está "nunha situación peor" que hai tres anos e concluíu que socialistas e nacionalistas "non souberon aproveitar a oportunidade" que os galegos lles brindaron nas últimas eleccións autonómicas, cando o PP non logrou revalidar a maioría absoluta.

Feijoo considerou que PSdeG e BNG "están a intentar prolongar a súa agonía política ata o último instante" e, nese sentido, referiuse ao feito de que Emilio Pérez Touriño anunciase que non adiantaría as eleccións nunha "comparecencia excepcional, para dicir que excepcionalmente o presidente da Xunta cumpre a súa palabra". En todo caso, recoñeceu a súa ledicia polo feito de que se complete a lexislatura e de que "por primeira vez en tres anos" o xefe do Executivo galego "fora capaz de escoitar á maioría social de Galiza".

O líder popular dixo que o país precisa solucións "dende xa" e ofreceulles a socialistas e nacionalistas un acordo útil, de prosperidade e futuro relacionado con potenciar a economía e a autonomía. Así, citou acordos para axudar ás familias "que o están a pasar peor", así como en educación, sanidade, deducións fiscais e que "se cre emprego e non precariedade", ademais de apostar polo desenvolvemento sustentábel e unha administración austera. En canto a potenciar a autonomía, avogou por mellorar as institucións e os medios de comunicación públicos, entre outras cuestións.

Ovación a Fraga

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, arrancou eloxiando as medallas de ouro logradas polos deportistas galegos nos Xogos Olímpicos de Beijing e, xa no ámbito político, tamén tivo palabras de agradecemento para o ex presidente do PP e da Xunta, Manuel Fraga, que se levou unha longa ovación dos presentes, que tamén o recibiran con aplausos á súa chegada ao castelo.

Fraga Iribarne asegurou que cando arrancou a súa formación se creou "un partido de centro reformista para ir reformando o que había que reformar sen présas, evitando novas confrontacións", tras o cal concluíu que "ese é o partido que Galiza e España necesitan". Aínda que non estaba prevista a súa intervención no acto para oficializar o arranque do curso político, Fraga tomou a palabra para asegurar que o PPdeG pode ser "máis galeguista que ninguén sen ser nacionalista", xa que para el o nacionalismo "é unha traizón a España e á Constitución Española".

Mariano Rajoy, en clave estatal

Pero a principal estrela do acto foi o presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, que falou en clave estatal e avanzou que a prioridade do PP nos próximos meses será afrontar a crise económica e, nese sentido, explicou que formularán medidas de austeridade no gasto público e de recorte de impostos.

Na súa intervención perante 2.000 militantes, segundo a organización, Rajoy lamentou que o goberno español crea "que os problemas se resolven sós" e explicou que lle esixirá ao Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero "que goberne, que faga algo, que tome algunha decisión" e que se ocupe "do que importa", en referencia á crise económica.

"As cousas non se arranxan soas e moito menos nunha crise económica como a que vivimos", proclamou o líder popular, que avanzou que dedicarán á situación económica o primeiro pleno de control no Congreso, onde formularán, entre outras, medidas de austeridade no gasto público, algo "obrigado" nas administracións mentres tamén "os españois e as empresas se apertan o cinto".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: