O líder do PPdeG repróchalle ao presidente da Xunta que introducise "unha forte incerteza sobre a estabilidade política" nun momento de crise económica.
O recoñecemento que Emilio Pérez Touriño concedeu sobre as presións do seu propio partido, o PSOE, para realizar o adianto electoral, era destacado na tarde do xoves por Alberto Núñez Feijoo. O líder do PpdeG aproveitou para reflexionar que a simple existencia do debate sobre o adianto e as declaracións cruzadas de membros do Goberno confirmarían "que o Executivo non só se atopa dividido entre socialistas e nacionalistas, senón dentro dos propios socialistas".
"Toca falar de Galiza, intentar que saia da crise económica e buscar solucións razoábeis ante o reto do debate do financiamento autonómico", afirmou Núñez Feijoo, censurando a "incerteza" dos últimos tempos "nun momento no que a crise económica comeza a golpear duramente". Na opinión de Feijoo, o debate arredor da data das eleccións favoreceu a distracción da atención dos membros do Goberno "que deberían estar tratando de resolver os serios problemas que ten Galiza diante de si no canto de estar en debates partidarios estériles".