O ministro de Economía do goberno español chegou á Cámara baixa sen cifras concretas nin novidades significativas sobre o xa avanzado no Consello de Política Fiscal.
Á porta da negociación para os orzamentos xerais do Estado para 2009, o vicepresidente do goberno español e ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, sorprendeu este xoves no Congreso cunha comparecencia en comisión na que fixo escasos esforzos por tender pontes co resto de grupos.
Solbes debullou a ducia de principios artellados arredor do convite a poñer no 50% a porcentaxe de participación das comunidades autónomas en IRPF, IVE e taxas especiais. Segundo o seu proxecto, o reparto de fondos adicionais a nivel estatal irá vencellado á dispoñibilidade orzamentaria do executivo estatal na negociación e axustado ás necesidades e á evolución da poboación. Un escenario que, no que lle toca a Galiza, en principio deixa fóra os criterios de dispersión e avellentamento, unha das reclamacións básicas e que conta co consenso de todas as forzas políticas do Parlamento.