Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES SE AGARDA A QUE A FISCALÍA ACTÚE

A Policía Local de Sada custodia os seus propios ficheiros ilegais

O alcalde ordena disolver a Unidade de Seguridade Cidadá que actuaba polas noites.

R.Vilar - 14:50 18/08/2008
Abel López, alcalde de Sada

Abel López, alcalde de Sada

Sada é un dos concellos con máis axentes locais por habitante. A pesar de contar con pouco máis de 13.600 veciños censados, a Policía Local conta con nada menos que 21 membros. Por se isto fose pouco, dentro deste corpo existía un grupo especial composto por oito axentes que só traballaba polas noites. Esta garda especial, creada sendo alcalde o polémico Ramón Rodríguez Ares (histórico líder do PP local e posteriormente independente), recibía o nome de Unidade de Seguridade Cidadán (USC). Agora o rexedor actual, Abel López (BNG), acaba de anunciar que vai disolver unha unidade que está no punto de mira logo de descubrirse ficheiros ilegais de veciños nas súas dependencias.

O escándalo produciuse o pasado xoves día 14. Un concelleiro do goberno, un axente da Policía Local e un suboficial da Garda Civil accederon ás dependencias da Unidade de Seguridade Cidadán, pechadas a cal e canto. Alí descubriron un arquivo con fotos e datos de persoas identificadas nas quendas de noite polos axentes, algo que o garda civil dixo que era irregular. Acto seguido, o alcalde anunciou que abriría unha investigación para depurar responsabilidades e que colaboraría coa xustiza para aclarar o acontecido. Porén, catro días despois daqueles feitos, os ficheiros, por indicación da Garda Civil, están custodiados pola propia Policía Local á espera de saberse se a Fiscalía vai tomar parte no asunto e requisar os arquivos ou se a investigación vai ser exclusivamente administrativa.

Uns “centurións” privilexiados
A Unidade de Seguridade Cidadá composta por oito axentes eran os encargados de patrullar o municipio de Sada polas noites. Nun concello onde existe unha notábel “movida” xuvenil nocturna, estes gardas tiñan un especial protagonismo as fins de semana. Os "centurións da noite", con fama de ser “expeditivo”, era un dos logros dos que se gababa o goberno de 'Moncho é moito'.

O corpo paralelo gozaba de condicións especiais. Se un axente local traballa no municipio unha media de 20 días ao mes, os da Unidade de Seguridade Cidadá non superaban os 12. A maiores as retribucións, debido ao complemento de nocturnidade, eran maiores. Se un policía raso cobra traballando en quenda de día 21.900 euros brutos ao ano, os “centurións da noite” perciben 24.300.

As estreitas relacións entre o xefe da Unidade de Seguridade Cidadán (USC) e o ex alcalde Ramón Rodríguez son ben coñecidas. Cando en 2003 chegou ao poder por vez primeira o alcalde nacionalista Abel López, o responsábel da USC colleu unha baixa médica. Curiosamente, oito meses despois, o xefe policial reintegrábase ao seu posto de traballo coincidindo coa volta á alcaldía, vía moción de censura, do anterior alcalde.

Fotos polaroid
Segundo as primeiras investigacións, os funcionarios da quenda de noite fotografaban cunha cámara polaroid a algúns dos veciños que identificaban polas noites. Posteriormente, gardaban os datos persoais nun ficheiro ao que só tiñan acceso os axentes da USC, o seu responsábel directo e o xefe da Policía Local. De feito, os responsábeis políticos do corpo non podían acceder ao recinto porque ninguén lle facilitaba as chaves.

Un conflito laboral con 14 baixas
Dos 21 axentes cos que conta o Concello de Sada, na actualidade só están cinco en activo. Catorce policías (incluídos o xefe da Policía Local e o responsábel da USC) están de baixa médica, mentres outros dous están de vacacións. As doenzas dos axentes coinciden cun conflito laboral que os enfronta co goberno local. Co único respaldo do sindicato CSIF, ao que pertencen a maioría dos axentes, demandan melloras salariais.


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: