Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA FINAIS DE OUTUBRO OU PRINCIPIOS DE NOVEMBRO

Ferraz acurrala a Touriño para forzar un adianto electoral

Fontes do PSdeG recoñecen que as presións de Ferraz están a condicionar a decisión do presidente da Xunta e ven cada vez máis probábel que as eleccións sexan en outono.

Redacción - 19:50 13/08/2008

Logo de que negar por activa e por pasiva que houbese motivos de peso para un adianto electoral, o presidente da Xunta podería estar a piques de ceder ás presións de Ferraz. Emilio Pérez Touriño estaría disposto a facer súas as teses do secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, e da súa man dereita no PSdeG, Ricardo Varela, os partidarios máis firmes desta opción. Este sector considera que a crise económica, cada vez máis palpábel socialmente, pode pasarlle factura ás aspiracións electorais dos socialistas galegos.

Logo de seis meses de continuas especulacións sobre un posíbel adianto electoral, a cadea Ser sumouse este mércores ao carro da prensa galega e dá por feito que os comicios van ser en outono. A emisora, que cita fontes socialistas, aproveitou un informativo de ámbito estatal para afirmar que as eleccións galegas "poderían" ser entre o 26 de outubro e o 9 de novembro. Mais dentro das filas socialistas hai quen ve a última filtración como un movemento estratéxico para preparar ao electorado de cara aos comicios e definir dunha vez por todas a un Touriño moi dubitativo á hora de tomar a decisión.

Polo de agora, ningunha fonte do Goberno negou nin desmentiu as últimas informacións. Fontes socialistas consultadas por Vieiros sinalan que o adianto electoral é cada vez máis probábel pero non pode confirmarse até que o propio Touriño decida se facer caso ou non ás presións de Madrid. Dende o BNG non queren entrar en cábalas aínda que recoñecen que traballan dende antes do verán coa posibilidade dun adianto electoral. Aínda que os nacionalistas prefiren esgotar a lexislatura, aseguran ter a maquinaria engraxada para medirse nas urnas.

Anuncio oficial no Consello da Xunta

O Consello da Xunta do vindeiro xoves 28 de agosto pode ser a data que elixa Touriño para anunciar o adianto electoral. Antes é previsíbel que lle comunique a decisión aos seus socios de Goberno, que polo de agora non recibiron ningunha información do presidente. De feito, antes do verán, o propio Touriño reuniuse con Quintana para asegurarllle que, pese aos ruxeruxes, os comicios non estaban na axenda deste ano.


2,63/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: