Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

Touriño debulla o calendario electoral: outubro ou marzo?

Ricardo Varela asegura que o adianto a xullo do congreso do PSdeG non significa que se planeen comicios para este ano.

R.V. - 21:10 28/04/2008

Os ruxerruxes sobre que as eleccións galegas se celebren este mesmo ano non deixan de escoitarse. Por iso mesmo, o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, tivo que explicar este luns publicamente que o adianto do Congreso da formación “non ten nada que ver” cunha hipotética convocatoria electoral.

Os socialistas tiñan previsto que o Congreso se celebrase a mediados do vindeiro mes de setembro. A noticia saltou cando hai poucos días os máximos mandatarios do PSdeG decidiron un adianto da cita para os días 25, 26 e 27 de xullo, algo que incluso sorprendeu a cadros medios da organización. Varela reitera que os cambios se deben a unha mera “cuestión de axendas”, entre elas a do propio líder do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero. Ademais o secretario de organización considera que coa nova data as agrupacións locais poden elixir nunha soa xuntanza os delegados do Congreso Federal e do Congreso Galego.

O adianto congresual fixo aumentar as desconfianzas nas filas nacionalistas. Os socios de goberno do PSdeG non descartan que haxa unha “manobra” para adiantar as eleccións ao mes de outubro. A principal motivación, segundo esta tese, sería a crise económica, que segundo os expertos ameaza con ser especialmente dura no primeiro semestre de 2009.

Mediados de marzo, a opción máis fiábel
Até hai poucas semanas, os principais popes socialistas tiñan dúas opcións ben definidas para a cita electoral: o 15 ou o 22 de marzo de 2009. Estas datas contarían coa aprobación do BNG e evitarían que os comicios galegos coincidisen en xuño cos europeos. De feito, algúns dirixentes nacionalistas sinalan en privado que un adianto visto só coa perspectiva dos intereses socialistas pode dificultar gravemente a relación entre os dous socios de goberno.

Algúns cargos do PSdeG recoñecen que nalgunhas comarcas circula a posibilidade dun adianto electoral a este mesmo outono. Porén, todos recoñecen que sería “moi arriscado” tomar a decisión sen contar co BNG. Un destes cadros recoñece que o cambio de datas para o Congreso non significa ningún adiantamento pero, á mesma vez, posibilita que o presidente xogue de aquí ao verán con esa carta. Un congreso a mediados de setembro, no que tamén se esperan tirapuxas polo reparto de cargos orgánicos, non permitiría uns comicios en outubro, sobre todo tendo en conta que habería que decidir inmediatamente os nomes que figurarían nas listas ao Parlamento.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: