O Ministerio de Administracións Públicas achegou este luns a estatística do funcionariado. Dos 150 mil en Galiza, o 57% traballan para a Xunta.
Instalacións da Xunta en San Caetano
Polo miúdo, son 86.858 funcionarios empregados na Xunta, o 57,4% do total. Séguenlle en número os 31.214 que empregan as corporacións locais. Doutra banda, un total de 29.311 empregados públicos, o 5,22% do conxunto do Estado, están traballando para a administración estatal. Finalmente, até 3.774 son empregados das universidades públicas.
A suma: 151.157 persoas que traballan en Galiza como empregados públicos, unha cifra só por tras de Andalucía, Madrid, Cataluña, Valencia e Castela e León, que rexistran o maior número de funcionarios.
No total do Estado, as administracións públicas xuntan até 2.582.646 funcionarios, dos que o 50,4% (1.300.232 traballadores), dependen de gobernos autonómicos e o 21,7% (561.551 persoas) da administración estatal. O 24,12% (623.214 efectivos) corresponde a empregados de corporacións locais e o 3,8 % (un total de 97.849) forman parte dos equipos universitarios. Por outra parte, só na Administración Xeral do Estado (51,21%) e a Administración de Xustiza (63,37%) o número de mulleres supera o de homes. Nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado só o 6,24% son mulleres, unha cifra que se duplica nas Forzas Armadas (12,24%).