Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mobilizacións este xoves

Proposta de prezo mínimo para o leite: 0,42 euros

Insistindo en que o contrato homologado sen prezo base é unha "medida trampa", o Sindicato Labrego convoca o sector gandeiro esta quinta feira nas rúas de Lugo.

Redacción - 11:00 07/08/2008

O Sindicato Labrego Galego (SLG) xa fóra a única formación sindical que se negara a asinar a introdución do chamado contrato homologado, iniciativa que desde outros colectivos consideraban un paso adiante nas reivindicacións do sector. Opinan desde o SLG que é imprescindíbel garantirlle aos produtores un prezo mínimo, que asegure os custos de produción e "proporcione a lexítima ganancia polo traballo realizado".

Esa é a idea central da reivindicación que o SLG leva este xoves ás rúas de Lugo, onde convocou até tres concentracións consecutivas. Os gandeiros iniciarán a protesta ás 11h30 diante da sede da empresa Pascual, que preside o responsábel da Federación de Industrias Lácteas (Fenil). Ás 13h a protesta vai deica á sede provincial da Consellaría do Medio Rural e ás 13h30 até a subdelegación do goberno español en Lugo.

Na convocatoria desta xornada, o SLG interpreta que o contrato homologado forma parte dunha estratexia político-empresarial na que din ver o liderado de Fenil e "destinada a aplacar as protestas de cara á opinión pública". Insisten desde o sindicato en que se trata dunha ferramenta que "non vai solucionar nada" e agoiran que aboca os produtores á negociación individual coa empresa. "É un absurdo e dramático retroceso no dereito á negociación colectiva acadado polos traballadores nestes últimos anos de historia supostamente democrática do chamado Primeiro Mundo", afirman.

Por este motivo, o SLG seguirá adiante despois desta xornada cunha campaña de mobilización destinada á reclamación da garantía de 0,42 euros/litro como prezo mínimo do que partir nos contratos do leite.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: