Cando menos o 6'0% do sector mexilloneiro paraliza o subministro desde esta semana até que se fixe un sistema estábel de venda.
En primeiro lugar, os produtores solicitan das industrias cocedeiras e de transformación que se acorde a introdución doutro sistema de vendas. O obxectivo é que se garanta un prezo único para os moluscos que son destinados ao procesado como conserva. Segundo Xoán Ramón Dios, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, trátase así de impedir o descenso dos prezos en orixe que acontece desde outono do ano pasado.
Os produtores acusan a industria de impoñer descontos que foron aumentando até chegar a un 25% da cotización estabelecida na táboa de referencia usada habitualmente, onde se fixa o importe do mexillón en función de varias características de calidade. Dios acusa a industria de provocar importantes perdas, superiores a 20 millóns de euros, a algunhas conserveiras, xa que traballan con stocks de produto, é dicir, adquiren grandes cantidades que almacenan e van usando segundo as necesidades. Os descontos progresivos aplicados á materia prima foron causa das perdas, ao non poderen competir con eses prezos.
En segundo lugar, advirten contra o problema das irregulares importacións de mexillón que chega de Chile e outros países latinoamericanos. Responsabiliza aos promotores desta práctica de estar comercializando o bivalvo como se fora produto autóctono e a prezos "imposíbeis para o sector galego.