Desde o PSdeG, Francisco Cerviño cualifica a denuncia de "coña marinera" e censura que o PP lle adique tanto tempo a un "asunto menor".
Na Habana iniciouse o pasado mes de febreiro a prometida aposta do Goberno pola internacionalización do libro galego, unha iniciativa inserida na estratexia de promoción exterior da industria cultural galega longamente demandada polo sector editorial do país, e que inclúe tamén na axenda as feiras do libro de París, Boloña, Londres, Barcelona, Bos Aires ou Frankfurt.
A iniciativa non foi ben recibida polo PP, desde onde, esgrimindo unha factura de 1.050 euros, criticaran inicialmente que lle servisen "mojitos" e refrescos a conta do Goberno aos máis de douscentos editores, escritores e artistas que asistiran a un dos actos organizados durante a viaxe. Este martes, Ignacio López-Chaves, voceiro parlamentario do PPdeG na área de Cultura, recuperaba as críticas á expedición á Habana, onde Galiza era país convidado, advertindo de que non se informara antes da viaxe á illa da Real Filharmonía de Galicia.
López-Chaves debulla os gastos de viaxe, aloxamento e mesmo transporte de instrumentos, e critica o gasto de 200 mil euros para levar os 57 músicos da prestixiosa orquestra á Habana. O deputado do PP afirma que estas facturas non foran citadas pola conselleira de Cultura durante a súa comparecencia no Parlamento e acusa o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de facilitar a "irregular utilización de diñeiro público".
Á cuestión respondeu esta terza feira Francisco Cerviño, voceiro parlamentario do PSdeG, quen recordou que o Parlamento xa tratou "exhaustivamente" a viaxe e opinou que nunca antes "ningún asunto de índole menor tivo tanto protagonismo en debates parlamentarios". Cerviño laiouse de que o PP continúe con "este longo culebrón invernal", un asunto que na opinión do deputado socialista os populares están convertendo "nunha coña marinera" que segundo afirmou, só pretende "tapar os éxitos recentes do Goberno nas políticas de creación de emprego".