Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CUNTIS

Arqueólogos por quince días

Vinte mozos participan no campo de traballo de Castrolandín, un xacemento prerromano no que se achegan ao labor arqueolóxico.

Isabel G. Couso - 09:30 06/08/2008

Viaxar ata o século II a. c. da man da arqueoloxía. Esta é a alternativa pola que optaron vinte mozos para aproveitar o verán. Fano no marco do Campo de Traballo de Castrolandín (Cuntis), unha iniciativa que organiza un ano máis a Vicepresidencia da Xunta, dende o seu departamento de Xuventude.

Castrolandín é un poboado fortificado, un castro que representa unha forma de vida que en Galiza foi a protagonista entre o século VIII a. c. e o século III d.c. Achegarse ata ela e amosarlle o seus fundamentos aos máis mozos é o obxectivo desta iniciativa, que coordina o director deste centro, Carlos Otero, coa axuda dos monitores. Ademais, os rapaces súmanse aos traballos de escavación, unha labor ben necesaria para profundar na valorización do castro.

Rexistro, extracción, tratamento dos materiais... os mozos participan nas diferentes fases do traballo arqueolóxico nunha labor que este ano se marca o propósito de ampliar as escavacións do sistema defensivo, tanto do parapeto como das murallas que nun tempo defendían o castro. Ademais, tamén se pretenden ampliar as escavacións na entrada orixinal do poboado, rexistrar as estruturas e materias recuperados e consolidar o monumento.

"Atopar algo"
O que máis emociona aos participantes neste campo de traballo é a posibilidade de atopar algún resto arqueolóxico. Niso traballan e afánanse con pas, vasoiras e outros utensilios. Ademais, malia non ter coñecementos previos, queren rematar os seus quince días de participación no campo de traballo coa satisfacción de aprender algo e de facer a súa achega ao estudo da antigüidade.

Os vinte participantes proceden de diferentes puntos da península e tamén do estranxeiro. Por iso tamén aproveitan esta oportunidade para coñecer Galiza, nun periplo que comeza na vila termal de Cuntis. Así farán excursións a Santiago de Compostela, á Ribeira Sacra ou á Costa da Morte, ademais de participar en roteiros, saídas de interese histórico ou obradoiros de diferente contido.


Ligazóns

4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: