Segundo Beatriz Mato, voceira de Traballo do grupo parlamentario do PPdeG, presumir de cifras de contratos en verán "é o mesmo que presumir de temporalidade".
A voceira popular considera que os indicadores económicos reflicten "a baixa calidade do emprego creado", xa que o 90% dos postos novos en xullo son temporais. Beatriz Mato Otero avisa ademais de que malia o efecto estacional do verán, "que sempre foi similar en termos cuantitativos", este mes producíronse 5255 contratos menos que en xullo do ano pasado.
A deputada do PP critica que o Goberno reducise en marzo a previsión de creación de 20 mil postos de traballo realizada en xaneiro, e pídelle ao conselleiro de Traballo que "sexa honesto e valente cos galegos e lles diga cantos empregos de verdade cre que se van a crear en Galiza á vista dos nefastos indicadores económicos que nos acompañan". "Fronte a estes datos encontrámonos cun goberno non previsor sen ningunha política que garanta a redución da lista de demandantes de emprego, a xeración de novos postos de traballo e a garantía dun emprego de calidade", opina Mato.