Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE NA SÚA XUBILACIÓN

Ferrín, en 18 linguas

O volume 'A un HOME noso', editado pola Universidade de Vigo, recolle o poema 'A un meu fillo' traducido ao sueco, húngaro, bretón, alemán ou hebreo.

Redacción - 11:45 04/08/2008
Capa do libro

Capa do libro

Cando regreses a Vilanova dos Infantes
depois de visitares terras sen número
recoñocerás que as cousas son máis pequenas e encolleitas
do que ti lembrabas
pro o teu cor moito máis grande porque nel entrara o mundo...

Xosé Luís Méndez Ferrín xubílase, deixa as aulas do instituto vigués de Santa Irene, onde deu clase de literatura durante 33 anos. A Universidade de Vigo homenaxea ao autor galego vivo máis importante coa edición dun volume que recolle o seu poema 'A un meu fillo' (incluído en A fin dun canto, 1982) traducido a 18 linguas, entre elas o sueco, o húngaro, o bretón, o alemán ou o hebreo.

Así, ese Cando regreses a Vilanova dos Infantes que abre cada unha das estrofas do poema convértese en Tillbaka i Vilanova efter att ha sett otaliga länder... ; Amikor visszatérsz Vilanova ds Infantes-be...; Pa distroi da Vilanova dos Infantes...; Kehrst du zurück nach Vilanova dos Infantes...; kshe-tahzor le-Vilanova dos Infantes... Ferrín é tamén un dos autores máis universais da literatura, candidato ao Nóbel, e lido en moitas linguas e países. "A universalidade da nosa literatura queda totalmente demostrada neste sinxelo volume", asegura Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, que engade que "deste xeito nos poden ler desde un árabe a un estadounidense, pasando por un aragonés ou un croata".

A elección do poema non foi casual. 'A un meu fillo' é un poema de ciclo vital, no que o protagonista retorna ao punto de partida, á súa Itaca, despois de ter percorrido un tempo e un espazo de aprendizaxe, de amor, de loita e de dor. Acaído para un momento como este no que Ferrín deixa atrás unha etapa da súa vida, a da docencia, para comezar outra, "tras cortar incidentes coma rosas/ retorna a Vilanova dos Infantes completo de sabiduría".

A Universidade de Vigo realizou dúas tiraxes do libro, unha especial en tapa dura e numerada e outra edición normal da que se distribuirán 800 exemplares entre aquelas persoas e institucións que o soliciten.


4,65/5 (34 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: