Decidiron botar outras 24 horas sen comer para denunciar a presunta malleira recibida a pasada semana polo mozo encarcerado en Aranjuez.
Os catro presos e presas independentistas galegos han facer un novo xaxún colectivo de 24 horas (xa fixeron un primeiro o pasado mes de xuño) para denunciar a agresión da que presuntamente foi obxecto o mozo Santiago Vigo o pasado 22 de xullo na prisión de Aranjuez, na que se atopa dende decembro do ano pasado.
Acompañando a accións dos presos galegos, voluntarios e militantes do organismo antirepresivo Ceivar van, segundo contan na súa web, "transmitirlle á sociedade galega, por múltiplas vías, a situación de violencia continuada e excepcionalidade represiva que se está a producir en Aranjuez" que, din, "fai parte dunha estratexia máis ampla que se está a aplicar aos catro presos e presas independentistas galegos nos últimos meses".
O pasado 24 de xullo Ceivar organizou unha cadea humana para denunciar a "dispersión dos presos galegos" e pedir a "súa repatriación e liberdade". A acción, que se desenvolveu na Praza de Galiza, en Compostela, reuniu a varias persoas, que despois de unir as súas mans, comezaron un percorrido pola zona vella da cidade, cara a Praza do Toural, onde o voceiro de Ceivar, Óscar Gomes, leu un comunicado.
A iniciativa foi captada polas cámaras dos activistas de GzVídeos, que fixeron un interesante vídeo, que se pode visualizar a carón desta información, ou tamén na súa web.